Convocada en Santiago unha manifestación para rexeitar a agresión ianqui a Venezuela e defender a paz e a soberanía dos pobos

A Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez (AGABO) vén de convocar, xunto con diversas organizacións sociais, políticas e sindicais —entre elas a Confederación Intersindical Galega (CIG)— unha manifestación para rexeitar a agresión ianqui a Venezuela e defender a paz e a soberanía dos pobos. A mobilización celebrarase o sábado 10 de xaneiro, con saída desde a Alameda de Santiago, ás 12.00 horas.
A iniciativa da solidariedade internacionalista galega ten como obxectivo condenar a agresión militar dos Estados Unidos contra o país latinoamericano, rexeitar o secuestro do presidente venezolano, Nicolás Maduro, e da primeira dama, Cilia Flores, así como expresar a solidariedade co pobo venezolano e defender o dereito á soberanía dos pobos.
Denuncia dunha violación do Dereito Internacional
As organizacións convocantes advirten de que os feitos acontecidos en Venezuela constitúen unha grave violación do Dereito Internacional e do sistema multilateral. Neste senso, denuncian a vulneración da Carta das Nacións Unidas e do principio que prohibe o uso da forza contra a integridade territorial dun Estado soberano.
Así mesmo, sinalan que a intervención carece de autorización do Consello de Seguridade da ONU, polo que a consideran ilegal, e alertan de que supón un precedente perigoso que ameaza a seguridade global e rexional.
Chamamento á mobilización
Por todo isto, fan un chamamento ao conxunto do movemento político, sindical, asociativo e social galego para participar masivamente na mobilización baixo o lema ‘Alto á agresión ianqui contra Venezuela. Pola paz e a soberanía dos pobos’.
“Galiza é un país solidario e internacionalista. Dicimos con rotundidade non á guerra, non á inxerencia e si á soberanía dos pobos e á paz. Galiza coa Venezuela!”, sinalan desde as entidades promotoras.
Entre as organizacións convocantes atópanse AGABO e entidades integradas no Capítulo Galego da Internacional Antifascista, como o Bloque Nacionalista Galego (BNG), a CUT, Galiza Nova, UPG, Podemos Galiza e outros colectivos políticos, sindicais e sociais.