Convocada en toda Galicia unha folga estudiantil para o vindeiro 11 de novembro

A pasada semana, a organización de estudantes Erguer.Estudantes da Galiza convocou unha folga estudantil en todos os centros de ensino medio, Formación Profesional e Universidades de Galiza para o vindeiro 11 de Novembro, coincidindo coa folga xeral convocada dende as centrais sindicais.
Denuncian a grave situación da crise de vivenda e os efectos desta sobre o acceso das clases populares ao ensino. "O ensino galego non será verdadeiramente público mentres dependamos do mercado da vivenda e a especulación para poder desenvolver os nosos estudos", afirman dende a dirección da organización estudantil.
Poñen o foco especialmente sobre a situación das residencias públicas estudantís e a función que estas cumpren ante a necesidade de aloxamento por parte das estudantes. "As residencias públicas son o servizo que debe garantir o aloxamento das estudantes. A día de hoxe temos poucas máis de 1000 vagas para 60.000 estudantes universitarios, e a estes habería que sumar os de ciclos de FP e ensino medio ou artísticos que se teñen que desprazar. Mentres as residencias estudantís non consigan afrontar as necesidades que temos as estudantes, seguiremos sendo presa da especulación dos alugueiros e o mercado privado, co que as clases populares son excluídas."
Responsabilizan desta situación á Xunta de Galiza pero tamén ás institucións educativas do país, ás que critican non poñer en marcha medidas e mecanismos concretos e inmediatos para recuperar e aumentar as vagas nas residencias. "Precisamos un plan de financiamento de aloxamento estudantil serio e eficaz dende o goberno galego e no que as institucións educativas tomen parte activa. Continuar como vimos ata agora é ser cómplices da crise".
A maiores, chaman a todas as estudantes galegas a vaciar as aulas o día 11 de Novembro e a acudir ás mobilizacións que dende sindicatos como a CIG organizarán.