Convocada folga indefinida en Nestlé de Pontecesures a partir do 1 de xuño

O cadro de persoal da empresa de alimentación mobilizouse onte contra o ERE diante da fábrica e farao de novo o mércores 27 e o xoves 28 de maio
folga-nestle-pontecesures
22 May 2026

O comité de empresa de Nestlé vén de anunciar a convocatoria de folga indefinida a partir das 6:00 horas do 1 de xuño contra o ERE mediante o que a compañía pretende executar 27 despedimentos na fábrica de Pontecesures. Ao mesmo tempo, persoal da empresa de alimentación continuou onte coas protestas diante das instalacións, que se repetirán os vindeiros xoves mércores 27 e o xoves 28 de maio de 13:00 a 15:00 horas.

A deste xoves foi a terceira xornada de mobilizacións ás portas da fábrica, mentres que o sábado pasado tivo lugar unha concorrida manifestación polas rúas de Pontecesures para rexeitar a decisión de Nestlé de rescindirlle o contrato a un total de 301 persoas no conxunto do Estado, 27 delas en Galiza.

Dende a FGAMT-CIG de Pontevedra denuncian que, realizando unha comparación en porcentaxes, a planta de Pontecesures será unha das máis prexudicadas polo ERE, xa que as 27 rescisións de contrato supoñen o 14% do cadro de persoal total: unhas 200 persoas traballadoras.

Na planta de Pontecesures faise a produción de leite condensado para toda Europa, Oriente Medio e parte do Sahel, cunha media de 60.000 toneladas ao ano, e que neste momento está nun pico de máxima produción. “Soster esta produción con 27 persoas traballadoras menos non é posíbel”, explican. Polo que insisten en que a CIG non vai aceptar un só despedimento nesta fábrica.

A representante sindical rebate que existan causas económicas, organizativas ou produtivas que xustifiquen este ERE, menos aínda tendo en conta que o ano pasado o grupo Nestlé acadou unha facturación récord, cun montante de 2.984 millóns de euros.

“Cos números que presenta Nestlé a nivel estatal non vemos necesarios nin xustificados estes despedimentos e nos próximos días comezaremos coas accións e mobilizacións que sexan precisas pola continuidade de todos os postos de traballo”, conclúen dende a central sindical.

0.34869194030762