Convocada unha nova edición do concurso de centros educativos polo Día contra a violencia de xénero

O certame, aberto ata o 10 de novembro, está dirixido a alumnos de Educación Primaria, Secundaria, Educación Especial, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Artes Plásticas e Deseño
malos-tratos-violencia-de-xenero-recurso
1 Oct 2026

A Xunta de Galicia anima, unha edición máis, ao alumnado galego de centros de ensino non universitario a participar no concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais sobre o 25 de novembro, Día internacional contra a violencia de xénero.

O concurso está aberto aos estudantes de centros galegos que imparten Educación Primaria, Secundaria, Educación Especial, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Artes Plásticas e Deseño. Todos eles poden presentar os seus traballos ata o próximo 10 de novembro, ás 15.00 horas. Cada centro só poderá presentar un traballo en cada unha das categorías e modalidade de participación, que deberá incluír a frase ‘25 de novembro. Día Internacional contra a Violencia de Xénero’, así como un lema en galego relacionado coa temática. As bases do certame poden consultarse nas páxinas web da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e no Portal Educativo.

A Xunta convida os centros a realizar propostas baseadas en mensaxes claras e rotundas que animen a facer unha reflexión sobre a violencia de xénero. Traballos que poñan o foco na prevención, na detección precoz e na intervención co obxectivo de contribuír a amplificar o ‘non’ á violencia de xénero. Neste marco, cobra especial relevancia a visibilización das manifestacións de violencia de xénero no ámbito dixital.

Os deseños poden realizarse de xeito individual ou en equipos constituídos por un docente e un máximo de 8 estudantes, procurándose a representación equilibrada de alumnos e alumnas. Daráselle prioridade á elaboración das imaxes gráficas e pezas audiovisuais formen parte dun traballo global, que integre a sensibilización e a valoración crítica da resposta colectiva ante a violencia de xénero.

A organización establece tres categorías de participación. A primeira, para o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria, 1º e 2º de ESO e de Educación Especial. Na segunda poderán presentar os seus traballos os estudantes de 3º e 4º de ESO, de 1º e 2º de Bacharelato, e de FP básica, de ciclos de grao medio e superior. Resérvase a terceira categoría aos alumnos de Ensinanzas de Artes Plásticas e Deseño.

En canto ás propostas, que deben ser orixinais e inéditas, a Xunta admitirá traballos que consistan no deseño dunha imaxe gráfica ou na elaboración dunha peza audiovisual. No primeiro caso, deberá presentarse un traballo eminentemente gráfico, como cartel, cómic, ilustración ou debuxo. Na modalidade audiovisual admitiranse curtas, videoclips, performances, flashmobs, danza, videopoemas ou textos recitados.

O xurado, que estará configurado por representantes da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e da Comisión Asesora de Publicidade non Sexista, terá en conta na súa valoración a transmisión dunha mensaxe clara de rexeitamento fronte á violencia de xénero na que se atenda igualmente a promoción da prevención, detección precoz e intervención. Tamén se primará a calidade técnica, orixinalidade e creatividade das iniciativas e mesmo á participación activa do alumnado.

A Xunta concederá dous premios por cada categoría e modalidade. Consistirán nun cheque regalo para investir no comercio local en material didáctico, deportivo ou tecnolóxico, para cada unha das persoas integrantes do equipo gañador valorado en 100€ e 50€, respectivamente, para o primeiro e o segundo postos, así como un lote de libros para o centro educativo.

Os traballos que resulten gañadores poderán ser utilizados pola Xunta na conmemoración do 25-N, ou en calquera outra acción de sensibilización contra a violencia de xénero.

0.39467096328735