Convocadas as axudas a proxectos de educación para o desenvolvemento a executar polas ONGD

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe as liñas de subvencións para iniciativas que impulsen o desenvolvemento social, cun orzamento de 720.000 €
cooperacion-desenvolvemento-igualdade-racismo
28 Jul 2026

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas para a realización de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global e que executarán as Organizacións Non Gobernamentais de Desenvolvemento (ONGD), por importe de 720.000 euros ata 2027. A subvención mantense respecto ás últimas convocatorias e a dotación distribúese entre os 288.000 euros deste exercicio e os 432.000 euros restantes previstos para o próximo ano.

Poderanse financiar actividades que forman parte da educación para o desenvolvemento desde catro perspectivas: a sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza; a formación sobre o desenvolvemento e a súa difusión nos ámbitos educativos; a investigación neste ámbito; así como a incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na sociedade.

As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as ONGD e agrupacións lideradas por ONGD cos outros axentes de cooperación, isto é, universidades, empresas e organizacións empresariais, sindicatos, as comunidades galegas no exterior, e outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.

Ademais, como novidade, esta convocatoria ábrese a que as universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e as súas entidades ou centros de investigación públicos, poidan ser tamén entidades beneficiarias directas das axudas, sen necesidade de que teñan que presentarse en agrupación cunha ONGD.

As entidades interesadas en solicitar estas axudas poderán facelo dende mañá e cun mes de prazo de maneira electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

O importe máximo das axudas para proxectos individuais executados en 2026 é de 26.000 euros e de 37.000 euros se se trata de iniciativas plurianuais. No caso de proxectos plurianuais presentados por varias entidades en agrupación a contía da axuda poderá acadar os 47.000 euros se son programas plurianuais e de 36.000 euros se son anuais.

A Xunta destaca a importancia da educación para o desenvolvemento, ao tratarse dun valor engadido da cooperación descentralizada que cómpre potenciar dende a cooperación galega, tendo en conta, ademais, que a meirande parte das ONGD galegas traballan neste eido como unha das súas liñas estratéxicas.

0.29018998146057