Convocadas as axudas polos sobrecustos de fertilizantes e enerxía pola crise de Oriente Próximo

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas destinadas ás persoas agricultoras e gandeiras para que poidan afrontar os sobrecustos dos fertilizantes e o gasóleo pola crise de Oriente Próximo. En concreto, o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) xestionará un total de 3.652.583,30 euros para estas achegas, coas que se prevé chegar a 4.500 beneficiarios.
Estas axudas directas activáronse coa maior axilidade posible, unha vez aprobada o pasado día 21 de outubro pola Conferencia Sectorial de Agricultura y Desarrollo Rural a repartición de fondos entre comunidades autónomas. Consonte a esta distribución, a Galicia asignáronselle un total de 1.652.583,30 euros, aos que se engaden un financiamento autonómico complementario de 2 millóns de euros de fondos propios da Xunta.
Tras a publicación desta resolución, os agricultores e agricultoras poderán aceptar ou rexeitar a axuda a través dun formulario na Sede electrónica da Xunta. Posteriormente, procederase ao pagamento das axudas aceptadas, que os beneficiarios poderán ingresar antes de que finalice o ano. Así pois, a medida terá carácter horizontal e aplicarase aos distintos sectores agrícolas e gandeiros, sen establecer exclusións ou prioridades en función da orientación produtiva, sempre que se cumpran as sinxelas condicións establecidas.
Os requisitos resúmense en estar de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou no Sistema Especial para Traballadores por Conta Propia Agrarios (SETA), na rama de actividade agraria; na obtención de polo menos o 25 % dos ingresos procedentes da actividade agraria e na presentación da Solicitude Única da campaña da PAC 2026.
O importe das axudas determinarase consonte a criterios obxectivos segundo a metodoloxía de cálculo, que foi establecida polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, relacionados coa superficie agraria de secaño ou regadío, excluídos os pastos, e o Fogga realizará un plan de controis para comprobar os sobrecustos reais. As achegas oscilarán entre un mínimo de 100 e un máximo de 6.010 euros por beneficiario.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20261029/AnuncioG1534-271026-0001_gl.html