Convocadas as prazas para o Centro Galego de Tecnificación deportiva

O prazo de solicitudes estará aberto durante un mes a partir de mañá
centro-galego-tecnificacion-deportivas
29 Jun 2026

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de prazas para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva de cara á temporada 2026/27, co obxectivo de facilitarlles aos deportistas adestramentos orientados á mellora da tecnificación e do rendemento. A convocatoria, que se realiza en réxime de concorrencia competitiva, estará aberta durante un mes a partir de mañá.

As prazas convocadas son 160, distribuídas en dúas tipoloxías. Por unha banda, as prazas de tecnificación, que son 105, das cales 90 teñen carácter residencial e outras 15 son externas, con réxime de media pensión. E, por outro lado, ofrécense 55 prazas de rendemento, 11 delas en réxime de residencia e 44 externas.

Poderán optar ás prazas deportistas federados e, para os grupos de tecnificación, será requisito ademais que estean ademais inscritos nalgún club ou sociedade anónima deportiva dada de alta no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia. Así mesmo, as persoas beneficiarias da praza de tecnificación deberán ter promocionado de curso na convocatoria ordinaria de xuño 2026 e non ter máis de dúas asignaturas suspensas.

As solicitudes serán presentadas polas federacións deportivas de modalidades individuais que sexan compatibles cos servizos e instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva: atletismo na especialidade de lanzamento, bádminton, judo, loita, natación pura e natación en augas abertas, natación artística, piragüismo en augas bravas (slálom), piragüismo en augas tranquilas, remo, tekwondo, tríatlon, vela e ximnasia acrobática, trampolín e artística.

Por outro lado, o Diario Oficial de Galicia recolle tamén hoxe a convocatoria de bolsas para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o curso 2026/2027. Estas bolsas están destinadas a estudantes de ensinanzas universitarias ou ciclos de grao superior de entre 18 e 30 anos, que poderán así completar á súa formación á vez que se familiarizan con actividades relacionadas coas saías profesionais dos estudos que cursan. Para mellorar a súa formación práctica, actuarán baixo a coordinación dun titor que supervisará o proxecto que vaian desenvolver no centro.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir de mañá.

0.29041004180908