Convocadas novas mobilizacións no sector da atención á discapacidade, menores e escolas infantís

Dentro das mobilizacións previstas, este mércores 13 de maio celebrarase unha concentración diante do edificio de Política Social na Coruña
A CORUÑA manifa ensino publico
12 May 2026

Os sindicatos CIG-Ensino, CUT e SNEP anunciaron un novo calendario de protestas no sector da atención á discapacidade, protección de menores, reforma e educación infantil de 0 a 3 anos ante a falta de diálogo coa Consellaría de Política Social.

As organizacións sindicais denunciaron que, malia ser a Administración autonómica a responsable destes servizos públicos, continúa sen atender as reivindicacións do persoal traballador, que reclama melloras laborais e salariais para rematar coa precariedade que afecta ao sector.

Dentro das mobilizacións previstas, este mércores 13 de maio celebrarase unha concentración diante do edificio de Política Social na Coruña, no Espazo Amizar, ás 11.00 horas. A protesta enmárcase na campaña de mobilizacións rotatorias polas delegacións territoriais da Xunta iniciada o pasado mes de abril en Ourense, así como nos chamados “mércores en loita” que se desenvolven nos propios centros de traballo.

O persoal destes servizos leva preto dun ano protagonizando protestas conxuntas para reclamar convenios colectivos que permitan mellorar os salarios e as condicións laborais. Entre as principais demandas figuran a redución das ratios de atención, xornadas máis xustas, un incremento dos recursos e a mellora das instalacións.

Os sindicatos lembran que, aínda que a Xunta financia estes servizos mediante concertos, convenios e subvencións a entidades sociais e empresas privadas, o persoal está regulado por convenios estatais con salarios apenas superiores ao Salario Mínimo Interprofesional e con condicións laborais que consideran insuficientes.

Ademais das concentracións, as centrais sindicais avanzaron novas accións reivindicativas para o mes de xuño, entre elas un “Camiño de Santiago reivindicativo” dividido en tres etapas e unha folga parcial de cinco horas o día 3 de xuño. Esa xornada culminará cunha manifestación entre o Monte do Gozo e o complexo administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela.

CIG-Ensino, CUT e SNEP fixeron tamén un chamamento á unidade de acción dos tres sectores implicados para manter a presión sobre a Xunta e reclamar unha mellora das condicións laborais e da calidade destes servizos esenciais de atención ás persoas.

0.40171480178833