Convocados os premios extraordinarios de FP de grao superior e de ensinanzas artísticas

O prazo de solicitudes permanecerá aberto ata o 10 de agosto no caso dos primeiros e ata o 31 de xullo para os segundos
alumnos-estudante-colexio-instituto
17 Jul 2026

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional convoca os premios extraordinarios de Formación Profesional de grao superior e de ensinanzas artísticas, uns recoñecementos cos que a Xunta de Galicia distingue a excelencia académica do alumnado que rematou os seus estudos no curso 2025/26. En total concederanse 29 premios: 23 correspondentes á Formación Profesional de grao superior e 6 ás ensinanzas artísticas, dotados con 1.000 euros cada un. As solicitudes de inscrición xa poden tramitarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

No caso dos premios extraordinarios de FP de grao superior, poderán optar os estudantes que obtivesen unha cualificación final igual ou superior a 8,5 puntos no ciclo formativo cursado. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 10 de agosto. A obtención deste recoñecemento permitirá, ademais, concorrer aos correspondentes Premios Nacionais de Formación Profesional de Grao Superior, logo da súa inscrición.

Pola súa banda, a convocatoria dos premios extraordinarios de ensinanzas artísticas contempla un máximo de seis galardóns: tres no ámbito da Música, un no ámbito de Danza e dous no ámbito de Artes Plásticas e Deseño, tamén cunha dotación económica de 1.000 euros cada un. O prazo para solicitar estes premios permanecerá aberto ata o 31 de xullo.

Poderá participar o alumnado que finalizase as ensinanzas profesionais de Música, de Danza, ou de ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño, no curso 2025/26, en centros públicos ou privados autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia, e que obtivese unha nota media igual ou superior a 8,75 puntos. No caso de Música e Danza, as persoas aspirantes deberán presentar unha gravación en vídeo coas interpretacións ou coreografías requiridas nas bases da convocatoria. Pola súa parte, o alumnado de Artes Plásticas e Deseño deberá achegar a memoria e a documentación gráfica do seu proxecto final.

Con estas convocatorias, a Xunta de Galicia reforza o seu compromiso coa promoción da excelencia académica, o recoñecemento do esforzo e a posta en valor do talento do alumnado galego tanto no ámbito da Formación Profesional como das ensinanzas artísticas.

0.29633092880249