Convocan unha manifestación nacional contra os proxectos de Altri e a mina de Touro-O Pino

Os presidentes da Plataforma Ulloa Viva e da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), xunto coa voceira da Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino Non, anunciaron este xoves en Carril a convocatoria dunha manifestación nacional que terá lugar o 14 de xuño na Illa de Arousa. A mobilización partirá da praia do Vao e concluirá no Porto de Xufre, baixo o lema “Pola defensa do Ulla e da Ría de Arousa. Re-matemos Altri e a Mina de Touro-O Pino”.
As tres plataformas fan un chamamento conxunto á cidadanía para participar nunha protesta que se dirixe contra ambos proxectos industriais, aos que cualifican de contaminantes e que, segundo denuncian, continúan a ser tramitados pola Xunta de Galicia, supoñendo unha ameaza directa para o río Ulla e a Ría de Arousa.
Desde a Plataforma Ulloa Viva, o seu presidente Juan Pedro Sánchez lembrou que continúa en marcha unha campaña de recollida de sinaturas baixo o lema “Re-matemos nós con Altri e a Mina de Touro-O Pino” e insistiu na demanda de denegación do proxecto da macrocelulosa en Palas de Rei. Sánchez acusou á empresa promotora de “contradicións constantes” e de manter unha estratexia baseada en alegacións contra as decisións administrativas da Xunta, ao tempo que reiterou que a súa posición segue sendo de rexeitamento absoluto. Tamén criticou o que cualificou de “descaro” por parte de Greenfiber, sociedade participada por Altri e Smarttia, ao reclamar “lealdade” institucional, e reclamou á Xunta que actúe “en coherencia coa cidadanía que leva anos rexeitando o proxecto”. O portavoz animou a encher a Illa de Arousa o 14 de xuño, convencido de que a mobilización social é clave para frear estas iniciativas.
No caso da mina de Touro-O Pino, a voceira da plataforma veciñal, Che Cancelo, referiuse á recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre a Declaración de Impacto Ambiental de 2017, asegurando que a súa anulación responde a defectos formais no procedemento. Nese sentido, esixiu á Xunta que “axuste correctamente os trámites” e manteña tanto aquela declaración negativa como calquera nova avaliación, ao considerar que se trata esencialmente do mesmo proxecto.
Cancelo advertiu tamén dos riscos ambientais asociados á actividade mineira e criticou os anuncios da Consellería de Economía sobre novos dereitos mineiros, cualificándoos de “preocupantes” para a zona. Afirmou que o proxecto supón unha ameaza seria para a veciñanza e para o equilibrio ambiental da bacía do Ulla, e denunciou o que definiu como unha “herdanza envelenada” para o territorio. A voceira concluíu que o conflito segue plenamente vixente e chamou a repetir a mobilización social que xa lograra deter o proxecto no pasado.
Pola súa banda, o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido, advertiu da situación de “emerxencia” que, ao seu xuízo, atravesan os sectores produtivos da ría, e criticou o que considera unha falta de protección por parte da Xunta de Galicia. Denunciou que a tramitación de proxectos industriais vinculados ao Ulla incrementa os riscos de contaminación e deterioro ambiental, e cualificou de “inaceptable” a xestión autonómica neste ámbito.
Rubido reclamou a paralización definitiva tanto do proxecto de Altri como da mina de Touro-O Pino e advertiu de que continuarán exercendo presión social para evitalos. Ademais, fixo un chamamento a participar na manifestación na Illa de Arousa, subliñando a importancia da unidade entre sectores do mar, mariscadoras e cidadanía para defender o territorio fronte ás ameazas ambientais.