Convocan unha xornada nacional de mobilización por Palestina o 31 de marzo

A Coordinadora Galega de Solidariedade coa Palestina convocará o vindeiro luns, 24 de marzo, unha rolda de prensa no Salón Rahid do Hotel Eurostars Araguaney, ás 11:00 horas, para presentar a Xornada de Mobilización Nacional por Palestina que terá lugar o domingo 31 de marzo en toda Galiza.
A mobilización coincide coa conmemoración do Día da Terra Palestina (30 de marzo), unha data na que o pobo palestino denuncia desde hai décadas a limpeza étnica, o espolio das súas terras e o réxime de apartheid ao que está sometido baixo a ocupación israelí.
A Coordinadora denuncia a gravidade da situación actual en Gaza e en toda Palestina, así como a impunidade da que seguen gozando os responsables dos crimes cometidos contra a poboación civil. Por iso, fai un chamamento a toda a sociedade galega a mobilizarse o domingo 31 de marzo baixo o lema “Galiza con Palestina. Contra a ocupación e o xenocidio”.
A Xornada Nacional de Mobilización contará con actos en máis de 32 localidades galegas, segundo informou a propia Coordinadora. “Os crimes contra Palestina teñen responsábeis e non permitiremos que os oculten”, sinalan desde a organización convocante.