Convócase comisariado para unha exposición fotográfica das 15 Cidades Patrimonio da Humanidade

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade busca un comisario ou equipo para deseñar unha mostra de fotografía contemporánea sobre as 15 cidades, que inaugurará na Real Academia de España en Roma en outubro de 2025 e logo itinerará nacional e internacionalmente. O prazo para presentar proxectos remata o 10 de xuño.
Cidades Patromonio da Humanidade
28 May 2025

O Grupo das 15 Cidades Patrimonio da Humanidade de España abriu un proceso selectivo para elixir o comisariado dunha exposición de fotografía contemporánea centrada nos seus bens culturais. A mostra incluirá obras inéditas sobre Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa/Ibiza, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

A exposición inaugurarase en outubro de 2025 na Real Academia de España en Roma e despois percorrerá espazos expositivos en España e no estranxeiro. Poderán presentar proxectos persoas físicas, individualmente ou en colectivo (cun representante); deben acreditar experiencia en comisariado de artes visuais, idealmente fotografía, e capacidade para vincular o proxecto ao patrimonio cultural.

Cada aspirante —ou colectivo— só poderá concorrer cun único proxecto, e ningunha das persoas autoras poderá participar como artista na exposición. O xurado estará integrado por dous membros da Comisión Executiva do Grupo, un experto en patrimonio cultural designado polo Ministerio de Cultura e un especialista en fotografía designado pola Real Academia Galega de Belas Artes.

O prazo de presentación remata o 10 de xuño ás 23:59 (hora peninsular española), e a resolución farase pública o 18 de xuño. As bases completas e o formulario de inscrición están dispoñibles na web oficial do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade.

⚙ Configurar cookies
0.11591005325317