Correos dedica setembro a FEAFES Galicia coa súa iniciativa solidaria no Camiño

Correos decidiu dedicar o mes de setembro á Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES Galicia) no marco da súa iniciativa solidaria #12Causas1Camino, que pon en valor o patrimonio humano do Camiño de Santiago.
A entidade, creada en 1995, leva desde 2010 organizando a peregrinación Camiño de Santiago pola saúde mental, unha experiencia inclusiva que reúne cada ano a máis de 50 participantes de dez asociacións galegas. O obxectivo é claro: reducir o estigma social e visibilizar as capacidades das persoas con problemas de saúde mental.
Nesta edición, a marcha terá lugar do 28 ao 30 de outubro, cubrindo as tres etapas que separan Salceda de Compostela. Ao chegar á cidade, as participantes recibirán a Compostela como símbolo de superación e recoñecemento.
Correos apoiará a iniciativa difundindo o labor de FEAFES ao longo do mes, dentro dunha campaña que promove valores como a solidariedade, a integración e a igualdade. Ademais, continúa ofrecendo servizos ao peregrino como o Paq Mochila, o Paq Peregrino, o Paq Bicicleta e a consigna de equipaxe en Santiago.