Critican as obras realizadas na illa de Ons por converter un espazo protexido nun reclamo turístico

Un dos puntos que suscita maiores críticas son os accesos ao barrio do Curro, onde se instalou un novo empedrado acompañado de diferentes elementos de mobiliario e balaústres de granito
actuacion-adega-illa-de-ons
27 Aug 2026

Adega cuestiona a actuación da Xunta na illa de Ons, cun investimento de máis de dous millóns de euros, ao considerar que as obras executadas no Parque Nacional das Illas Atlánticas supoñen unha transformación excesiva do espazo e priorizan o uso turístico fronte á conservación ambiental.

Segundo denuncia a entidade, os traballos, presentados pola Xunta como actuacións para recuperar espazos públicos e tradicionais e mellorar a protección ambiental, incluíron o pavimentado duns 4.000 metros cadrados, a escavación de pistas e a instalación de novos elementos de mobiliario urbano. A asociación cuestiona que este tipo de intervencións se leven a cabo nun espazo sometido á máxima protección ambiental de Galicia.

Un dos puntos que suscita maiores críticas son os accesos ao barrio do Curro, onde se instalou un novo empedrado acompañado de diferentes elementos de mobiliario e balaústres de granito. Para Adega, estes elementos introducen unha estética máis propia dunha contorna urbana e modifican a identidade cultural e paisaxística desta zona da illa.

As actuacións tamén afectaron os accesos e a contorna da praia de Area dos Cans. A entidade asegura que durante os traballos se eliminou vexetación autóctona, entre ela varios salgueiros e un vello estripeiro, mentres se mantivo vexetación alóctona invasora. Ademais, denuncia a escavación e posterior cementación do acceso á praia, cunha plataforma de formigón executada sobre o propio areal.

A actuación abrangue dous proxectos. O primeiro, licitado en 2023, contou cun orzamento de 1,69 millóns de euros, mentres que o correspondente ao acceso á praia de Area dos Cans, de 2025, ascendeu a 330.000 euros. Segundo a asociación, ambos foron promovidos pola Axencia de Turismo de Galicia e financiados maioritariamente con fondos europeos Next Generation.

A entidade cuestiona tamén a ausencia dunha consulta pública previa e de avaliación ambiental para unhas intervencións desenvolvidas nun territorio incluído na Rede Natura 2000 e sometido ao Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional, en vigor desde 2019. Ao seu xuízo, nin o padroado do parque, nin as entidades relacionadas coa illa nin a veciñanza de Ons puideron achegar as súas consideracións antes da execución dos traballos.

A Asociación Adega lembra que a finalidade principal dun Parque Nacional debe ser a conservación dos seus valores naturais e culturais e considera que as actuacións realizadas en Ons responden a unha concepción do espazo como recurso turístico. Neste sentido, critica que sexa a área de Turismo, e non a de Medio Ambiente, a responsable de promover unhas obras que, ao seu entender, evidencian as prioridades da Xunta na xestión dos espazos naturais protexidos.

0.34815311431885