CSIF denuncia o colapso das carterías de Lugo pola falta de persoal e reclama contratacións urxentes

O sindicato alerta da acumulación de envíos, de rutas de ata 200 quilómetros e de traballadores que teñen que asumir diariamente o reparto correspondente a varios compañeiros
cartero-correos
24 Sep 2026

A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF), sindicato con maior representación en Correos na provincia de Lugo, denunciou a situación que atravesan a maioría das carterías lucenses pola falta de persoal para cubrir as ausencias e reclamou aos responsables de Correos da Área Noroeste que adopten medidas urxentes. Segundo a organización sindical, esta situación está provocando a acumulación de envíos e levando os traballadores “ao límite físico e mental”.

Desde principios de setembro, á actividade habitual das oficinas sumáronse envíos masivos da Deputación e de empresas subministradoras de luz e gas, ademais de paquetería, notificacións e outros envíos rexistrados. Ante a falta de cobertura, hai traballadores que deben asumir o seu propio reparto e tamén o correspondente a outros dous compañeiros, con rutas que nalgúns casos chegan a roldar os 200 quilómetros diarios.

CSIF asegura que leva meses reclamando máis contratacións aos responsables da Área Noroeste, tanto nas reunións de contratación como directamente ante os responsables das unidades. Porén, denuncia que as incorporacións chegan “tarde, a contagotas e de forma insuficiente”, mentres os envíos pendentes continúan acumulándose.

Á falta de persoal súmase, segundo o sindicato, a escaseza de vehículos e o estado de parte da frota, unha situación que dificulta aínda máis o reparto e que supón un risco engadido para os traballadores.

A organización sindical reclama a cobertura das ausencias nas oficinas e nas Unidades de Distribución de toda a provincia e lembra que Correos debe garantir os medios necesarios para prestar o servizo e cumprir os prazos de entrega, especialmente no caso dos envíos incluídos no Servizo Postal Universal.

Tras as concentracións celebradas na provincia os días 3 e 17 de setembro, CSIF anunciou que continuará coas mobilizacións o vindeiro 30 de setembro en Madrid para denunciar o que cualifica de “abandono do servizo público postal”. O sindicato advirte ademais de que, se a situación non cambia, non descarta adoptar novas medidas de protesta.

0.27227997779846