“Dálle Xogo” bota a andar: nace un festival que promove o ocio sen pantallas e os xogos de mesa como ferramenta educativa

O I Festival Dálle Xogo celebrarase os próximos días 21 e 22 de novembro en Área Central e chega cunha clara intención: promover o ocio sen pantallas e reivindicar os xogos de mesa como ferramenta educativa, social e interxeracional. A concelleira de Mocidade, María Rozas, presentou a programación acompañada das persoas organizadoras, Cristina Neira e Kiko Cociña.
Rozas explicou que o festival nace “co obxectivo polo que vimos traballando desde o departamento de Mocidade: fomentar alternativas de ocio que non dependan das pantallas e previr as consecuencias do seu abuso tanto a nivel físico como psicolóxico”. A concelleira lembrou que numerosos estudos evidencian que o mal uso destes dispositivos pode provocar perda de creatividade, imaxinación e incluso de autonomía persoal. Pola contra, defendeu os xogos de mesa como “unha ferramenta educativa e social que favorece a interacción e fortalece os vínculos familiares”.
Cristina Neira e Kiko Cociña reforzaron esta idea destacando que “o tempo de xogo é fundamental para as familias” e que os xogos de mesa contribúen a crear conexións interxeracionais, ademais de seren beneficiosos para a saúde mental e o neurodesenvolvemento infantil. Aseguraron que, aínda que existe unha tendencia crecente ao regreso aos xogos de mesa a partir dos oito anos, “nos anos previos segue observándose un uso excesivo das pantallas que preocupa”.
Espazos de xogo libre, editoriais, torneos e conferencias
A primeira edición de Dálle Xogo contará cunha ducia de editoriais e máis de vinte entidades colaboradoras. Ao longo de dous días haberá espazos de xogo libre, torneos, charlas e diferentes expositores con marcas galegas e estatais como Mercurio, Diset, Top Toys, Asmodee, Old Teddys, Rey Mono, Brain Picnic, Upple Games ou Cayro.
Participarán tamén entidades locais vinculadas á educación, á inclusión e ao lecer educativo, como Latento Servizo Integral Altas Capacidades, o Espazo de Lecer María Miramontes ou Down Compostela, que achegarán ao público actividades e propostas.
O programa culminará cun concerto en colaboración coa Concellaría de Xuventude e co Centro Xove da Almáciga. Todas as actividades serán gratuítas.
Ponentes destacados
A programación inclúe mesas redondas e conferencias centradas no valor do xogo. Entre os convidados destaca Julio Rodríguez, divulgador científico con tres libros publicados sobre comportamento e educación, entre eles “Jugar por jugar”, que reivindica a importancia do xogo real fronte ao ocio dixital.
Tamén participará Manu Velasco, mestre premiado e referente no ámbito educativo polo seu enfoque innovador e polo uso das TIC para mellorar a aprendizaxe.