Daniela Alonso e Manuel Fernández gañan os triales do Pantín Classic e entran no cadro principal do QS 6000

A viguesa e o coruñés proclámanse campións galegos open tras superar unhas difíciles condicións no Atlántico e aseguran unha wildcard para a proba internacional
VALDOVIÑO pantin classic podios 2026
25 Aug 2026

O Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2026 xa ten os seus primeiros campións galegos. Daniela Alonso e Manuel Fernández impuxéronse este luns nos triales do QS 6000 International da World Surf League (WSL), unha vitoria que lles permite acceder directamente ao cadro principal da competición.

A xornada, organizada pola Federación Galega de Surf na praia de Pantín, no Concello de Valdoviño, tiña ademais o atractivo de poñer en xogo os títulos galegos open desta tempada. Máis de 200 surfistas participarán entre as categorías masculina e feminina nunha edición que recupera o marcado carácter internacional do campionato, con deportistas procedentes de máis de 20 países.

As condicións do mar complicaron a competición a medida que avanzaba o día, pero tanto Alonso como Fernández conseguiron adaptarse ás dificultades e terminaron levando o triunfo nas súas respectivas finais.

No cadro masculino, Manuel Fernández completou un percorrido destacado, liderando todas as mangas agás a semifinal. Nesa rolda tivo como rival a Eric Rebiere, antigo competidor do Championship Tour, a máxima categoría internacional do surf.

O coruñés conseguiu, con todo, superar ao francobrasileño na final. Fernández sumou 10.63 puntos entre as súas dúas mellores ondas, fronte aos 8.66 do seu principal rival. Sebastián Bamonde rematou terceiro, con 7.50 puntos, e Alejo Ferreiro foi cuarto, con 5.67.

'Estou realmente contento, porque as condicións foron moi duras para todos e agora espero gozar do cadro principal', sinalou Fernández tras conseguir a clasificación.

Daniela Alonso domina a competición feminina

Na categoría feminina, Daniela Alonso foi a gran dominadora dos triales desde as primeiras mangas e confirmou esa superioridade na final.

A surfista viguesa conseguiu 8.77 puntos e impúxose á ferrolana Ana Piñón, que terminou segunda con 6.23. Lara Rico ocupou a terceira posición, con 3.73 puntos, mentres que Pepa González-Valerio foi cuarta, con 1.63.

Alonso destacou o nivel das participantes e as dificultades que presentaron as condicións do mar. 'Realmente contenta polo resultado', explicou a gañadora, que tamén asegurou estar desexando competir no QS 6000.

O QS 6000 arrinca este martes

A competición principal comezará este martes 25 de agosto coa disputa das primeiras mangas do QS 6000 International da World Surf League.

O cadro masculino estará formado por 144 surfistas, mentres que o feminino contará con 80 participantes. En total, o campionato reunirá deportistas de máis de 20 nacionalidades, consolidando novamente Pantín como un dos grandes escenarios internacionais do surf.

A vitoria nos triales permite agora a Daniela Alonso e Manuel Fernández medirse no cadro principal contra algúns dos nomes máis destacados do surf internacional.

0.28125