Daniela Boedo: 'Gustaríame gañar a medalla de España e representar o meu país'

Por Noelia Uceira
O cuarto posto ten algo especial para Daniela Boedo. Non porque sexa o resultado que máis destaque da súa tempada, senón precisamente porque foi o que máis preto a deixou de conseguir algo que quere desde hai tempo: unha medalla no Campionato de España.

A patinadora de 14 anos, natural de Soñeiro (Sada) e pertencente á S.C.D. Rabadeira de Oleiros, rematou cuarta nos 5.000 metros de eliminación do Campionato de España de pista celebrado en Sada. Un resultado que deixou sensacións encontradas. 'Fastidioume un pouco, pero ao mesmo tempo alegreime porque é unha boa posición para min', recoñece.
A medalla escapouse por pouco, pero o campionato tamén serviu para confirmar que pode estar entre as mellores da súa categoría. E, sobre todo, para deixarlle un obxectivo moi claro: 'Gustaríame gañar a medalla de España'.
Non é o único reto que ten en mente. Con 14 anos, Daniela xa está acumulando experiencia en competicións internacionais e esta tempada viaxou a Francia, Portugal e Bélxica para enfrontarse a algunhas das mellores patinadoras do circuíto.
Unha tempada para gañar experiencia
Daniela considera que 2026 está sendo a súa mellor tempada ata o momento. Non precisa demasiado tempo para explicar por que. 'Este ano está sendo o mellor porque estou tendo mellores resultados'.

Un deses resultados chegou en Francia. No Trofeo Internacional Tres Pistas de Valence d'Agen rematou quinta na clasificación xeral. Unha posición que, máis alá do número, tivo un efecto importante nela. 'Deume moita alegría e motivación para continuar competindo a ese nivel'.
Despois chegou Portugal. En Lagos volveu situarse entre as cinco primeiras da clasificación xeral de Terras do Infante. E a tempada internacional continuou despois en Bélxica, onde conseguiu a novena posición nos 5.000 metros do Flanders Grand Prix de Ostende. Entre unha competición e outra tamén pasou pola Copa de Europa de Xixón, onde rematou oitava tanto na clasificación xeral como na proba de eliminación.
Pero Daniela non fala destas viaxes unicamente en termos de resultados. Tamén as entende como unha oportunidade para seguir aprendendo. 'Gústame competir porque hai moito nivel e iso axúdache a mellorar e a gañar máis experiencia para seguir adestrando e mellorando'.
No patinaxe tamén hai que saber pensar
Unha das cousas que máis poden sorprender a quen non coñeza o patinaxe de velocidade é que unha carreira non se decide unicamente por quen corre máis. Nos 5.000 metros de eliminación, a colocación, os movementos das rivais e o momento elixido para atacar poden cambiar por completo unha proba.
Daniela sabe que chegar cunha estratexia é importante, pero tamén que hai que estar preparada para modificala.
'Podes ter unha estratexia, pero pode non saír como estaba pensado, porque na carreira poden pasar moitas cousas'.
Por iso, ademais da velocidade, considera fundamental saber ler o que ocorre sobre a pista. 'Hai que ter intelixencia para saber ver a carreira e conseguir facela ben', explica.
É unha das facetas que está aprendendo a dominar a medida que compite contra rivais de maior nivel.
Moito adestramento detrás de cada carreira

Os resultados que aparecen nunha clasificación son só unha pequena parte de todo o traballo que hai detrás. Daniela compaxina o patinaxe cos seus estudos e recoñece que manter o ritmo de adestramentos implica renunciar algunhas veces a outros plans.
'Hai días que igual tes que quedar estudando ou queres quedar cuns amigos, pero en vez de facer iso, vas adestrar'.
Con 14 anos, esa disciplina forma parte da súa rutina. Non lle gusta saltarse adestramentos e admite que tamén é esixente consigo mesma. 'Cando me saen mal algunhas carreiras, logo síntome mal'.
A diferenza está no que fai despois con esa sensación. En lugar de quedar co resultado, intenta utilizalo como unha razón para continuar. 'Penso no que me gustaría conseguir e en que é un deporte que me gusta e que podo mellorar'.
De seguir a súa irmá a construír o seu propio camiño
O patinaxe chegou á vida de Daniela a través da súa irmá Andrea. Andrea Boedo conta con varias medallas en Campionatos de España e chegou a vestir a camiseta da selección española, coa que tamén logrou dous bronces europeos en 2024.
Daniela víala adestrar e competir e acabou seguindo os seus pasos. 'Gustoume como corría e decidín apuntarme eu tamén ao patinaxe', lembra.
Detrás de cada adestramento e de cada competición na que Daniela participa hai tamén un gran apoio. Ela mesma o pon en valor: 'Para min son moi importantes os meus pais, porque me acompañan ás competicións, están aí para animarme e apoiarme, e tamén o meu adestrador, que me guía nas carreiras e me guía no que teño que facer'.

O seguinte paso
Despois dunha tempada percorrendo Europa, Daniela ten claro cal é o seguinte paso. Primeiro, seguir mellorando e volver loitar por unha medalla no Campionato de España. Despois, intentar entrar nun selectivo que lle permita achegarse a un dos seus grandes obxectivos.
'Gustaríame gañar a medalla de España e, ademais, ir ao selectivo para conseguir representar o meu país e competir ao máximo nivel'.
Con 14 anos, esa posibilidade aínda queda por diante, pero Daniela xa sabe que para chegar terá que seguir facendo o que leva anos facendo: adestrar e competir.
E cando se lle pregunta que lle diría a aquela nena que comezou a patinar despois de ver á súa irmá, Daniela é directa e humilde: 'Que traballe, que sexa constante e que consiga sacar o mellor de min. Que non se renda'.