Danza no Camiño chega a Galicia con espectáculos de España e Taiwán e unha peza inspirada na Costa da Morte

O festival itinerante arrinca o seu percorrido galego o mércores en Sarria e fará parada en Portomarín e Santiago de Compostela antes de continuar cara a Bilbao e Burgos
Danza-no-Camiño-Portomarín
14 Jul 2025

O festival Danza no Camiño, que mestura arte, danza e música tomando como referencia o itinerario xacobeo, chegará a Galicia o mércores 16 de xullo cunha primeira actuación en Sarria, á que seguirán as citas do xoves 17 en Portomarín e do venres 18 en Santiago de Compostela, completando así a parte galega dun circuíto iniciado o pasado 1 de xullo en Huesca.

A proposta, producida pola compañía galega SóLODOS e patrocinada pola Xunta de Galicia, ofrecerá nestes tres concellos do Camiño Francés espectáculos inéditos procedentes de España e Taiwán, ademais dunha peza da artista viguesa Marcia Vázquez, convidada especial desta sétima edición.

Danza no Camiño, nado en 2019 como prolongación do Certame Internacional de Coreografía Burgos & New York, recalará o mércores 16 ás 23:00 horas na rúa Maior de Sarria; o xoves 17 ás 20:00 horas na praza da Igrexa de Portomarín; e o venres 18 tamén ás 20:00 horas na praza de San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela, considerada unha das actuacións máis emblemáticas do percorrido.

O festival despedirase finalmente con dúas citas fóra de Galicia, en Bilbao o día 20 e en Burgos o 21, tras ter pasado por 19 municipios de oito provincias.

O público poderá desfrutar das creacións Kowaw, un dúo interpretado polos coreógrafos taiwaneses Hsin-Hsuan Yu e Szu Shihmin; Adama, unha peza para tres bailaríns do creador español Mario Bermúdez, director de Marcat Dance; e Asceta, un solo do pacense Chey Jurado. A morte, as raíces e os dilemas dun eremita que busca agocharse son os temas que atravesan estas propostas coreográficas.

A programación complétase este ano coa participación da bailarina e coreógrafa galega Marcia Vázquez, que presentará en Portomarín e en Santiago Onde pousa a humidade, unha peza inspirada nas historias das mulleres da Costa da Morte, que, segundo explica a artista, “sempre esperan a que o océano lles devolva, cando menos, os restos dos ósos dos seus parentes”.

⚙ Configurar cookies
0.28031802177429