David González, director e sensei da escola Dajankai de Lugo, obtén o título de árbitro B mundial de kumite

David González Vázquez, director e sensei da Escola de Karate Dajankai de Lugo, obtivo o 12 de outubro o título de árbitro B de kumite mundial durante o Curso Mundial de Arbitraxe de Karate celebrado en Bielsko-Biała (Polonia), no marco do Campionato do Mundo Cadete, Júnior e Sub-21.
Con esta nova acreditación, González queda a un paso de completar todas as licenzas arbitrais internacionais. O título súmase ao de xuíz A de kata mundial, que conseguiu o 15 de outubro de 2025 en París e co que completou a máxima titulación internacional nesta modalidade.
O responsable da escola lucense xa contaba coas titulacións europeas completas de xuíz e árbitro. A obtención das acreditacións mundiais en kata e kumite, dúas modalidades con criterios e esixencias arbitrais diferentes, reflicte a súa preparación e o seu compromiso coa formación continua.
Segundo destaca a Escola de Karate Dajankai, David González é o único árbitro internacional da comunidade e, grazas a estas licenzas, pode exercer como árbitro no Campionato do Mundo que se celebra en Polonia do 14 ao 18 de outubro.
Desde o centro trasladaron os seus parabéns ao seu sensei por este novo fito, que consideran un motivo de orgullo tanto para o club como para o kárate galego. Tamén agradeceron o apoio da Federación Galega de Karate e DA e da Real Federación Española de Karate e DA ao longo deste proceso.