Decenas de persoas esixen manter as habitacións individuais na residencia de maiores das Gándaras

Besteiro acusa á Xunta de xestionar a política social “de costas ás persoas” e o Concello levará unha moción ao pleno para paralizar a reforma
residencia-as-Gándaras-concentración
14 Feb 2026

Decenas de persoas volveron concentrarse fronte á residencia de maiores das Gándaras, en Lugo, para reclamar á Xunta que respecte a intimidade das usuarias e usuarios e garanta que as obras de reforma manteñan habitacións individuais. A mobilización repítese desde finais de novembro, cando comezaron as protestas contra unha actuación que, segundo denuncian, afecta de maneira directa á calidade de vida e ao benestar das persoas residentes.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, acompañou ás persoas maiores que levan semanas mobilizándose para defender o que consideran un dereito básico. Durante a concentración, reiterouse que non reclaman privilexios, senón respecto e a preservación do seu espazo privado. O rexedor avanzou que, ademais do apoio na rúa, o grupo municipal presentará no vindeiro pleno unha moción para instar á Xunta a paralizar a reconversión das habitacións individuais e abrir un diálogo coas persoas que viven no centro. Insistiu en que as decisións que inciden na vida diaria das persoas maiores non poden adoptarse sen contar coa súa opinión e que a dignidade non pode quedar ao marxe dunha reforma.

Na protesta tamén participou o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen acusou ao Goberno galego de xestionar a política social “de costas ás persoas”. O líder socialista sinalou o caso da residencia das Gándaras como exemplo do que o seu partido leva anos denunciando: unha política social que, ao seu xuízo, “chega tarde e mal”. Criticou que a reforma impulsada pola Xunta non teña en conta a necesidade de intimidade e tranquilidade dos residentes e advertiu de que o proxecto prevé introducir habitacións compartidas, suprimindo o único espazo privado co que contaban ata o momento.

Besteiro tamén cuestionou a falta de investimento nun ámbito que considerou esencial para o benestar das persoas maiores e sostivo que, cando finalmente se acometen cambios, evidénciase unha carencia de enfoque. Defendeu que os servizos públicos de coidados precisan máis recursos, pero tamén unha maneira distinta de actuar, baseada na escoita, na planificación axeitada e na centralidade das persoas. Durante a súa intervención na concentración, reclamou que a actuación prevista se converta nunha oportunidade real para mellorar as condicións do centro e non nunha fonte de maior incerteza.

⚙ Configurar cookies
0.30656981468201