Declarado un incendio forestal en Cospeito, nas proximidades da planta de biocompost

Un incendio forestal permanece activo desde a tarde deste luns na parroquia de Xermar, no concello de Cospeito, coincidindo cun episodio de altas temperaturas que deixa rexistros próximos aos 30 graos na comarca da Terra Chá.
O lume iniciouse pouco despois das 16.00 horas e a súa evolución obrigou a cortar ao tráfico a estrada LU-1706 apenas unha hora máis tarde, despois de que as lapas alcanzasen ambos os dous lados da vía.
A situación xerou especial preocupación pola proximidade da planta de biocompost, onde durante a tarde permanecían traballando cinco persoas. Con todo, non existen vivendas nas inmediacións da zona afectada.
Para combater o incendio mobilizouse un amplo dispositivo integrado por tres axentes, seis brigadas, tres motobombas, dous helicópteros e dous avións pero aínda non se dispón de datos oficiais de a afectada.
Os efectivos continúan traballando na zona co obxectivo de controlar o avance das lapas e evitar que o incendio siga propagándose nunha xornada marcada polas altas temperaturas e as condicións favorables para a expansión do lume.