Controlado o incendio forestal de Penarrubia, na parroquia de Orbazai

No operativo participan sete brigadas, cinco motobombas, dous helicópteros e dous avións para tratar de frear o avance das lapas
incendio-Orbazai-Lugo-26
13 Aug 2026

O incendio forestal declarado este xoves, 13 de agosto, no lugar de Penarrubia, na parroquia lucense de Orbazai, quedou controlado arredor das 14.30 horas tras ser detectado ás 13.01 horas. Segundo a información facilitada pola Consellería do Medio Rural, as lapas afectaron a algo máis dunha hectárea de superficie.

No operativo de extinción participaron dous helicópteros, dous avións, tres brigadas e dúas motobombas, mobilizados para frear o avance do lume nunha zona próxima a vivendas e explotacións.

Pola súa banda, o Concello de Lugo informou de que os servizos municipais permaneceron preparados para colaborar co dispositivo e poñer á súa disposición os recursos necesarios no caso de que a situación o requirise.

Desde os servizos de emerxencia solicitouse durante as labores de extinción que a cidadanía evitase achegarse á zona para non dificultar o traballo dos efectivos despregados sobre o terreo.

Unha vez controlado o incendio, veciños de Orbazai quixeron agradecer publicamente a rápida intervención dos medios de extinción, así como a colaboración prestada polo Concello de Lugo, a Xunta de Galicia e as numerosas persoas que se ofreceron para axudar durante os momentos de maior preocupación.

Tamén destacaron a implicación de particulares que puxeron as súas cisternas á disposición do operativo, facilitando o abastecemento de auga necesario para combater as lapas, así como as mostras de apoio e interese recibidas por parte de numerosas persoas preocupadas pola situación que afectaba ao núcleo do Cabalo.

Grazas á rapidez da actuación e á coordinación entre os distintos servizos e a veciñanza, non foi necesario lamentar danos persoais nin materiais. Os residentes puxeron en valor a solidariedade demostrada durante a emerxencia e destacaron a importancia da colaboración cidadá en situacións deste tipo.

3.4607801437378