Denuncian ao alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, por presunto acoso laboral

O rexedor nega as acusacións, aínda que afirma ser coñecedor da denuncia, interposta por unha militante
xose-carlos-valcarcel
16 Dec 2025

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel Doval, foi denunciado a través da canle interna do partido por presunto acoso laboral cara a unha militante, tal e como adiantou este martes La Voz de Galicia.

Segundo a devandita denuncia, o suposto acoso tería comezado despois de que a mesma militante interpuxese unha denuncia por acoso sexual contra o daquela concelleiro de Deportes, que dimitiu posteriormente. O alcalde admite ser coñecedor da denuncia, pero nega as acusacións contra a súa persoa.

Valcárcel é un dos asinantes do manifesto socialista impulsado tras as denuncias contra o xa ex presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, por presunto acoso sexual a varias mulleres, un feito que tería motivado á denunciante a interpoñer a queixa contra o alcalde de Barbadás.

A dirección provincial do PSdeG de Ourense convocou unha reunión esta mesma tarde para abordar o asunto co propio rexedor e, ás 20:00 horas, a executiva provincial reunirase a porta pechada para tratar a cuestión.

Nun comunicado, a organización provincial asegura que actuará “con toda a celeridade e o rigor que require unha situación desta natureza, seguindo escrupulosamente os procedementos e protocolos establecidos polo PSdeG-PSOE”.

A Executiva Provincial analizará as circunstancias do caso e adoptará as decisións que correspondan en aplicación do regulamento interno do PSdeG-PSOE, segundo afirman no propio comunicado, no que destacan que “a gravidade da situación require unha actuación dilixente, rigorosa e sempre axustada aos mecanismos que o partido ten establecidos para estes supostos”.

Desde o PSdeG de Ourense insisten na importancia de respectar os procedementos para garantir a integridade do proceso e os dereitos das persoas implicadas, polo que descartan pronunciarse ao respecto ata rematar a reunión, na que se adoptarán as medidas pertinentes.

A decisión tomada non se coñecerá ata mañá, 17 de decembro, cando o secretario provincial, Álvaro Vila, ofrecerá unha rolda de prensa na sede do partido, a partir das 10:30 horas.

⚙ Configurar cookies
0.33104395866394