Desactivada a situación 2 e estabilizado o incendio forestal de Padrón, parroquia de Herbón

A Consellería do Medio Rural informa de que se vén de desactivar a Situación 2 no incendio forestal do concello coruñés de Padrón, parroquia de Herbón, que se deu por estabilizado ás 10.56 horas de hoxe. Esta situación operativa de emerxencia foi declarada o sábado, día 13, pola proximidade do lume aos núcleos de Cruxeiras de Abaixo e Sobrerribas.
O incendio iniciouse ás 16.01 horas do venres, día 12, e segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 350 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 7 técnicos, 70 axentes, 102 brigadas, 73 motobombas, 5 pas, 9 unidades técnicas de apoio, 8 helicópteros e 7 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.
NOVO EQUIPAMENTO
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria das novas axudas autonómicas para facilitarlles aos concellos a adquisición de vehículos, as súas adaptacións e maquinaria vinculada a actuacións de prevención de incendios forestais. A medida conta cunha dotación superior ao millón de euros, cofinanciado con fondos Feder, e vai destinada ás localidades de ata 30.000 habitantes que poderán recibir un máximo de 30.000 euros por proxecto.
Os investimentos subvencionables, que non poden estar adquiridos antes da presentación da solicitude de axuda, comprenden maquinaria, vehículos lixeiros e especiais e as súas adaptacións destinados ás brigadas de protección do ambiente e do espazo natural para a execución de tarefas específicas de prevención de lumes forestais. Trátase de equipamento como miniescavadoras, compactadoras ou rodetes, pequenos tractores, rozadoiras, remolques, trituradores, vehículos todoterreo e minicamións, entre outros.
Segundo se establece na orde publicada, cada concello poderá presentar unha única solicitude cun único proxecto, que pode abranguer distinto equipamento, presupostado como mínimo en 15.000 euros. As administracións locais interesadas en acollerse á medida deberán presentar as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) no prazo dun mes a partir de mañá.
O obxectivo da nova convocatoria é dotar os concellos dun parque de maquinaria suficiente e adecuada para a realización de actividades de limpeza e roza de espazos e zonas verdes en bordes de estradas, contornas de núcleos de poboación e espazos naturais como medidas preventivas fronte aos incendios forestais.
Apoio ao eido local
A medida súmase ás diferentes liñas de apoio que activa cada ano o Goberno galego para facilitarlles ás administracións locais tanto a mellora de equipamento como de infraestruturas. Así, os concellos contan tamén co Fondo de Compensación Ambiental, dotado con máis de 11,4 millóns de euros e destinado a investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio; a orde de axudas para a creación e mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, cun orzamento de 3,5 millóns de euros; e co fondo adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL) para proxectos de carácter estratéxico, que conta con 10 millóns de euros. A elas súmase o Fondo de Cooperación Local, que segue subindo e chega a 187 millóns de euros, un 12% por riba de 2025.
O compromiso da Xunta coas entidades locais permitiu o pasado ano impulsar case 600 proxectos municipais financiados a través das distintas liñas de axudas, coa distribución de máis de 37,5 millóns de euros.