Desactivada a situación 2 no incendio de Calvos de Randín mentres continúa a extinción no de Quiroga

A Consellería do Medio Rural informa de que foi desactivada a Situación 2 no incendio forestal do concello ourensán de Calvos de Randín, parroquia de Randín. Esta situación operativa de emerxencia decretouse onte xoves pola proximidade do lume ao núcleo de As Meaus, no municipio limítrofe de Baltar. Este incendio iniciouse ás 13,36 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais afecta a unha superficie de 460 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse polo momento, de maneira acumulada, 6 técnicos, 37 axentes, 39 brigadas, 24 motobombas, 5 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 5 helicópteros e 11 avións.
Ademais, xa está estabilizado desde as 15.28 horas o incendio que se iniciou na madrugada deste venres no concello ourensán de Manzaneda, parroquia de Reigada, que afecta a unha superficie de máis de 20 hectáreas. Neste caso, mobilizáronse polo momento un técnico, 8 axentes, 14 brigadas, 8 motobombas, unha pa e 3 helicópteros.
Finalmente, confirmaron que segue controlado o incendio declarado o pasado 15 de setembro na parroquia de Pacios da Serra, no municipio lucense de Quiroga. As dificultades de acceso están ralentizando a extinción.
A Consellería do Medio Rural lembra que está á disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ao mesmo tempo, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que alcanzan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.