Descobren no Arquivo Histórico Provincial de Lugo a carta máis antiga de Emilia Pardo Bazán

O documento, datado en 1861 e dirixido ao seu pai, foi atopado por casualidade no Arquivo Histórico Provincial polo profesor xubilado Luis Miguel Fernández
Carta-Emilia-Pardo-Bazán
27 Oct 2025

A carta máis antiga coñecida da escritora Emilia Pardo Bazán foi localizada no Arquivo Histórico Provincial de Lugo polo profesor de Literatura xa xubilado Luis Miguel Fernández.

O achado produciuse hai uns meses de maneira fortuíta, mentres o investigador revisaba documentación do arquivo con motivo doutras investigacións. Fernández, que xa publicou dous estudos relacionados coa autora coruñesa, prepara agora un novo artigo para a revista especializada La Tribuna, centrada na figura de Pardo Bazán, onde analizará o contexto do documento e o seu valor tanto para os especialistas como para o patrimonio cultural da cidade de Lugo.

A misiva forma parte do fondo epistolar do conde de Pallares e está datada o 12 de abril de 1861. Foi enviada pola entón nena de nove anos ao seu pai, José Pardo Bazán, que se atopaba en Lugo hospedado na casa do Conde Pallares, Manuel Vázquez de Parga.

Trátase da primeira carta coñecida ata o momento da autora de Los pazos de Ulloa, e nela queda constancia de que Emilia coñecía Lugo desde a infancia, un recordo que evocaría moitos anos despois, en 1906, durante unha conferencia no Círculo das Artes.

O descubrimento volve poñer de relevo a profunda relación de Pardo Bazán coa cidade amurallada, onde foi nomeada socia de honra da Liga de Amigos en 1890. Esa conexión intensificouse coa súa visita en 1906, cando exerceu como mantenedora do Certame de Composición Musical de San Froilán.

Durante aquela estadía, a autora galega pronunciou unha destacada conferencia no Círculo das Artes, na que salientou a contribución da música galega a través dos compositores Juan Montes e Pascual Veiga, e manifestou o seu agarimo pola cidade lucense. A institución nomeouna presidenta honoraria o ano seguinte, vínculo que se mantería ata o seu falecemento en 1921.

⚙ Configurar cookies
0.30142593383789