Descobren o mecanismo que determina o sexo da pescada europea grazas ao seu xenoma

Un estudo liderado pola USC, o CSIC e o CNAG revela unha información clave para a xestión sostible dunha das especies mariñas máis emblemáticas de Galicia
merluza
29 Jul 2025

A pescada europea (Merluccius merluccius), símbolo da cociña galega e recurso mariño de grande relevancia económica, vén de protagonizar un avance científico decisivo. Un equipo multidisciplinar composto por persoal investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), o Instituto Español de Oceanografía (IEO) e o Centro Nacional de Análise Xenómica (CNAG), logrou identificar o mecanismo xenético que determina o sexo desta especie mariña, un coñecemento clave para a súa conservación e xestión nun contexto de cambio climático.

A pescada habita un amplo rango xeográfico que se estende dende as costas de Noruega ata o Golfo de Guinea, incluíndo tamén o Mediterráneo. Porén, a sobrepesca durante décadas situouna na categoría de especie sobreexplotada. Neste contexto, comprender a súa bioloxía reprodutiva supón un paso adiante na loita pola sustentabilidade dos ecosistemas mariños.

O estudo, publicado na prestixiosa revista G3: Genes | Genomes | Genetics de Oxford Academic, describe como os investigadores conseguiron ensamblar o xenoma completo da pescada, repartido nos seus 21 cromosomas e cun tamaño de 715 millóns de bases. Identificáronse un total de 26.625 xenes codificantes, cifra notablemente elevada para unha especie cun xenoma catro veces máis pequeno ca o humano, pero cun número semellante de cromosomas.

A pescada é unha especie gonocorista, o que significa que presenta sexos separados: machos e femias. Esta diferenza é observable tamén no tamaño, xa que as femias adoitan ser maiores. “Dispor dunha ferramenta que permita identificar o sexo dos exemplares de maneira non invasiva pode mellorar substancialmente a xestión pesqueira”, apuntan Paulino Martínez (USC) e Fran Saborido (CSIC), coordinadores do traballo.

A determinación sexual nos peixes, ao contrario que en mamíferos ou aves, pode depender de múltiples factores, tanto xenéticos como ambientais, como a temperatura ou o contexto social. Coñécense ata 27 xenes diferentes que participan neste proceso en distintas especies de peixes. No caso da pescada, a clave atopouse nunha rexión concreta do cromosoma 9, preto do xene sox3, homólogo ao srY dos mamíferos.

A análise comparativa do ADN de cinco machos e cinco femias permitiu detectar variacións xenéticas específicas: mentres os machos son heterocigotos (posúen dúas versións distintas dun mesmo xene), as femias son homocigotas (teñen dúas copias iguais). Isto evidencia un sistema de determinación do sexo de tipo XX/XY, similar ao humano.

O doutor Tyler Alioto, responsable do equipo de ensamblaxe e anotación do xenoma no CNAG, destacou a importancia deste descubrimento: “Era un misterio como se definía o sexo nunha especie tan coñecida. Coas novas tecnoloxías de secuenciación conseguimos revelar unha peza fundamental do seu funcionamento biolóxico”.

Este achado supón unha ferramenta de enorme valor para a pesca responsable, especialmente diante dos desafíos que presentan a pesca selectiva por tamaño e os efectos ambientais sobre o sexo, como os contaminantes mariños ou o aumento da temperatura asociado ao cambio climático. Cunha base científica máis sólida, será posible deseñar medidas máis efectivas para preservar a pescada europea, unha especie tan crucial para a economía e a cultura mariña de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.16698503494263