Desenvolven unha estratexia de restauración ambiental nas illas Cíes, Ons e Sálvora

Estas accións enmárcanse no proxecto LIFE Insular, que busca definir e implementar unha estratexia integrada para a xestión sostible dos hábitats insulares
visita-illas-atlanticas
17 Sep 2026

A Xunta está a desenvolver no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia unha estratexia de restauración ambiental co obxectivo de mellorar a conservación dos hábitats insulares, así como reforzar a súa resiliencia ante o cambio climático. En concreto, a través do proxecto LIFE Insular estanse acometendo actuacións de restauración ecolóxica nas illas de Cíes, Ons e Sálvora.

Tal e como lembrou a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, durante a visita que realizou recentemente ás actuacións levadas a cabo na illa de San Martiño, no arquipélago das Cíes, estas accións enmárcanse neste proxecto de cooperación transnacional entre España e Irlanda que busca definir e implementar unha estratexia integrada para a xestión sostible dos hábitats insulares pertencentes á Rede Natura 2000 no Océano Atlántico, ao tempo que se aumenta a súa resiliencia como medida de adaptación ao cambio climático.

Máis polo miúdo, acometéronse traballos para a retirada e control de especies vexetais invasoras en máis de 145 hectáreas dos arquipélagos de Cíes, Ons e Sálvora para favorecer a recuperación da vexetación autóctona. Así mesmo, esta medida complementouse co reforzo da flora autóctona a través da obtención e produción de plantas procedentes de material xenético local para reintroducilas e acelerar a recuperación dos hábitats dunares e dos matogueiros costeiros. A maiores, tamén se actuou para recuperar a paisaxe natural insular a través da redución de formacións forestais non propias destes ecosistemas e a mellora da conectividade ecolóxica.

Ademais, o proxecto tamén inclúe unha estratexia de sensibilización e difusión pública mediante xornadas específicas en datas sinaladas, así como accións de voluntariado, talleres escolares e colocación de paneis informativos, entre outras.

0.39737987518311