Destinan 2 millóns de euros a 290 axudas para mellorar a imaxe exterior de vivendas de particulares

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou unha vivenda reformada ao abeiro destas subvencións en Friol
axudas-correccion-de-impactos-paisaxisticos
14 May 2026

A Xunta de Galicia concederá este ano un total de 690 axudas por un importe global de 2 millóns de euros para apoiar a propietarios particulares na execución de pequenas obras que repercutan de forma positiva na imaxe exterior dos seus inmobles, traballos de revestimento sobre muros de peche ou intervencións para eliminar elementos adxacentes que polo seu deterioro poidan causar algún tipo de impacto visual sobre o entorno.

Durante a visita que realizou hoxe a unha propiedade en Friol reformada nos últimos anos grazas ao apoio desta liña de incentivos, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo en valor o éxito das axudas destinadas á corrección de impactos paisaxísticos desde a súa primeira convocatoria, en 2021. De feito, incidiu en que nestes seis anos se concederon xa preto de 9 millóns de euros a través destas achegas que permitiron levar a cabo un total de 3.208 actuacións en Galicia, propiciando así que a cultura do fermosismo chegue a 288 municipios galegos (o 92% do total).

Con relación á convocatoria de 2026, cuxa resolución se publicará o vindeiro 28 de maio no Diario Oficial de Galicia, explicou que os 2 millóns de euros reservados a esta liña de incentivos —fronte ao orzamento de 2025, que foi de 1 millón— permitiu duplicar o número de particulares beneficiarios: 690 fronte aos 348 do ano pasado.

Ademais, a responsable autonómica lembrou que a achega da Xunta, cun límite de 3.000 euros por axuda, só cobre ata o 70% do custo subvencionable das actuacións polo que o investimento mobilizado unha vez se executen será maior.

Os propietarios beneficiarios terán ata o próximo 30 de setembro para xustificar debidamente a execución das obras subvencionadas, que inclúen a restauración e revestimento de fachadas cun acabado inadecuado como pode ser o ladrillo, o bloque de formigón ou o morteiro; remate, renovación e substitución do acabado exterior de cubertas en mal estado de conservación ou cun acabado inadecuado; o revestimento de muros de peche con pintura, morteiro ou chapado en pedra acorde ás características da zona, e a recuperación ou restauración de muros de pedra tradicionais.

Ademais, cómpre lembrar que tamén se poden solicitar estes incentivos para financiar a retirada de elementos adxacentes aos bens nos que se vaia intervir sempre e cando estes prexudiquen a súa imaxe ou causen algún impacto no entorno.

Acompañada polo director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, a conselleira fixo fincapé na transcendencia destas axudas para conseguir implicar á sociedade galega na aposta polo fermosismo promovida pola Xunta e que resulta fundamental para a conservación, mellora e posta en valor da paisaxe.

A modo de exemplo, citou o caso de Manuel, o dono da propiedade visitada e que desde o ano 2022 se beneficiou xa de catro axudas para a corrección de impactos paisaxísticos por un importe total de 12.000 euros. Uns fondos que destinou a acometer diferentes melloras sobre a fachada e a cuberta de dúas construcións auxiliares localizadas ao carón da súa casa, logrando unha transformación moi notable da imaxe do conxunto da propiedade.

En total, a conselleira explicou que só no concello de Friol o seu departamento concedeu 17 subvencións a outros tantos particulares, un dato que o converte no segundo municipio de Galicia con máis achegas no marco da actual convocatoria.

Ademais, a provincia de Lugo tamén é a máis beneficiada, xa que concentra unha de cada tres axudas (237 das 690 outorgadas este ano en toda Galicia) por un importe global de 691.200 euros. Moi preto estaría A Coruña, con 214 achegas por 619.000 euros; seguida de Pontevedra (125 subvencións a particulares por un total de 365.365 euros), e por último, Ourense, na que 114 beneficiarios se repartirán 324.400 euros.

0.29078602790833