Detectada por primeira vez nas costas de Galicia unha macroalga invasora tropical

Un equipo internacional liderado por persoal investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC) documentou, por primeira vez, a presenza na costa galega da macroalga Asparagopsis taxiformis.
Este achado amplía significativamente o límite coñecido para esta especie, o que podería estar relacionado co quecemento das augas e coa actividade humana.
A investigación, publicada na revista Bioinvasions Records, parte dun exemplar localizado nas Rías Baixas en 2025. As análises moleculares confirmaron que pertence á liñaxe 2 desta especie, unha variante con gran capacidade invasora e elevada tolerancia ambiental, o que podería facilitar a súa supervivencia en augas temperadas como as galegas.
“Aínda que a poboación detectada parece aínda incipiente —a ausencia de estruturas reprodutoras así o suxire—, este achado pon de manifesto como o quecemento das augas e as actividades humanas poden favorecer a chegada e o establecemento de especies de afinidade tropical en ecosistemas temperados”, sinala Eva Cacabelos, investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO e primeira autora do estudo.
A este escenario súmase unha ameaza adicional advertida polo equipo investigador: o risco de coinvasión. O estudo sinala que a posible coexistencia de A. taxiformis con outras macroalgas invasoras de recente aparición na zona, como a Rugulopteryx okamurae, podería intensificar drasticamente os impactos ecolóxicos. A interacción simultánea de múltiples especies exóticas ten a capacidade de monopolizar o substrato, agravando a disrupción dos ecosistemas bentónicos autóctonos.
O traballo subliña a importancia da vixilancia temperá e do seguimento continuado para anticipar posibles impactos ecolóxicos e cambios nas comunidades mariñas de Galicia.
Esta investigación contou con fondos FEDER a través do Operational Programme for Competitiveness Factors – COMPETE, ademais de fondos HORIZON-CL6-2024-BIODIV-01 a través do proxecto GuardIAS - Guarding European Waters from IAS.
Ademais do IEO-CSIC, o artigo contou coa participación de persoal investigador de organismos nacionais como o IFAPA Centro El Toruño, o Marine Research Institute da Universidade de Cádiz e a Universidade de Málaga.