Detectados tres casos de lingua azul en explotacións bovinas da Coruña

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de animais bovinos infectados polos serotipos 3 e 8 da lingua azul, confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid), en tres explotacións da provincia da Coruña. En total detectáronse 2 focos, que se teñen que notificar oficialmente ao ser os primeiros casos detectados na provincia. Así mesmo, son os primeiros en 2026 na nosa comunidade e en España desde a finalización en abril do período invernal de circulación do vector transmisor (insectos do xénero Culicoides spp).
Tras as análises efectuadas, confirmouse a circulación do serotipo 8 da lingua azul nunha explotación bovina de Narón; así como o serotipo 3 en A Baña e en Brión. A detección destes casos realizouse por vixilancia pasiva dos propios gandeiros, que comunicaron as sospeitas da enfermidade, no marco do programa de vixilancia da presenza da lingua azul que desenvolve anualmente a Xunta de Galicia.
Cómpre lembrar que os serotipos presentes desta doenza na nosa comunidade durante o ano 2025 foron tamén o 3 e o 8, que afectaron ás catro provincias galegas. O 4 non foi detectado en Galicia, froito das campañas de vacinación obrigatorias levadas a cabo nos anos precedentes.
É preciso sinalar que desde o ano 2025 en España xa non existe un programa de erradicación con vacinación obrigatoria fronte esta doenza. Pese a iso, a Xunta de Galicia continúa a recomendar a vacinación voluntaria de bovinos e ovinos como medida de protección e de contención do avance da enfermidade.
As vacinas fronte a estes serotipos, e máis o resto dos circulantes en España, poden adquirirse nas canles comerciais habituais de subministración de medicamentos veterinarios coa prescrición correspondente. Ademais, por parte da Consellería do Medio Rural continúa a distribución gratuíta de doses vacinais fronte ao serotipo 4 para o gando bovino e ovino, e fronte os 3 e 8 para o gando ovino, especie que adoita presentar unha sintomatoloxía clínica máis acusada.
Así mesmo, recoméndase evitar nas instalacións gandeiras as zonas de cría dos insectos vectores (zonas húmidas con materia orgánica, terra ou estercos) e a realización periódica de desinsectación de animais, instalacións e vehículos de transporte de gando. Lémbrase ademais a obriga das persoas gandeiras de comunicar aos Servizos Veterinarios Oficiais de Medio Rural calquera sospeita da enfermidade que detecten nos seus animais.
Con todo, cómpre lembrar que a lingua azul non afecta ás persoas, senón só aos animais ruminantes, que ademais non se contaxian entre eles, só a través da picadura dun insecto vector transmisor. Tampouco existe ningunha posibilidade de contaxio nin risco para as persoas polo consumo de produtos (carne ou leite) procedentes de animais afectados.