Detectan un caso de lingua azul do serotipo 3 nunha explotación bovina en Chantada

A Consellería do Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a detección dun caso de lingua azul do serotipo 3 nunha explotación bovina do Concello de Chantada. O positivo foi confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete, en Madrid, e constitúe o primeiro caso deste serotipo detectado na provincia de Lugo este ano.
Trátase do cuarto foco de lingua azul notificado en Galicia en 2026, despois dos tres detectados durante o pasado mes de xullo en Lugo e A Coruña. Con esta nova detección, A Coruña e Lugo son as dúas provincias galegas nas que se confirmou circulación dos serotipos 3 e 8. Polo momento, non se detectou circulación do virus nin en Ourense nin en Pontevedra.
O caso foi localizado nunha explotación bovina de Chantada a través da vixilancia pasiva. Foi o propio titular da explotación quen comunicou aos servizos veterinarios oficiais a sospeita de enfermidade, dentro do programa de vixilancia que desenvolve anualmente a Xunta de Galicia. As análises posteriores confirmaron a presenza do serotipo 3.
Durante 2025, os serotipos 3 e 8 afectaron ás catro provincias galegas. Pola contra, o serotipo 4 non foi detectado en Galicia nin o pasado ano nin no que vai de 2026, circunstancia que a Xunta vincula ás campañas de vacinación obrigatoria realizadas nos anos anteriores.
Desde 2025 España xa non conta cun programa xeral de erradicación da lingua azul con vacinación obrigatoria. Malia isto, a Xunta continúa recomendando a vacinación voluntaria do gando bovino e ovino como medida de protección e para conter a expansión da enfermidade.
As vacinas fronte aos serotipos circulantes en España poden adquirirse nas canles habituais de subministración de medicamentos veterinarios, sempre coa correspondente prescrición. Ademais, a Consellería do Medio Rural mantén a distribución gratuíta de doses fronte ao serotipo 4 para bovinos e ovinos, e fronte aos serotipos 3 e 8 para ovinos, xa que esta especie adoita presentar unha sintomatoloxía clínica máis acusada.
Medio Rural tamén recomenda reducir nas explotacións as zonas que poden favorecer a cría dos insectos transmisores, como espazos húmidos con materia orgánica, terra ou estercos, así como realizar periodicamente tarefas de desinsectación dos animais, instalacións e vehículos de transporte.
As persoas gandeiras teñen, ademais, a obriga de comunicar aos servizos veterinarios oficiais calquera sospeita de lingua azul que detecten nos seus animais.
A lingua azul non afecta ás persoas, xa que é unha enfermidade que afecta exclusivamente aos animais ruminantes. A transmisión prodúcese a través da picadura de insectos do xénero Culicoides, que actúan como vectores, e non mediante o contacto entre animais.
A Xunta lembra igualmente que non existe risco para as persoas polo consumo de carne ou leite procedentes de animais afectados pola enfermidade.