Devolución histórica: Santiago recupera as esculturas do Mestre Mateo incautadas polos Franco

Goretti Sanmartín celebra un “día histórico” coa devolución das esculturas do Mestre Mateo, tras a sentenza do Supremo que obriga por primeira vez á familia Franco a devolver bens espoliados
Devolucion Historia Franco
2 Dec 2025

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada da tenenta de alcaldesa María Rozas e da concelleira de Capital Cultural e Memoria Histórica, Míriam Louzao, recibiu no Museo do Pobo Galego as esculturas do Mestre Mateo recuperadas tras décadas de reclamacións. Ao acto asistiu tamén a presidenta do Padroado do Museo, Concha Losada.

Esta devolución histórica chega despois da sentenza do Tribunal Supremo que deu a razón ao Concello na longa batalla xudicial contra a familia Franco, e supón, segundo a rexedora, “un día histórico para Santiago e para Galicia, porque por primeira vez a familia Franco ten que devolver bens froito do espolio”.

Un fito histórico e de enorme forza simbólica

Goretti Sanmartín destacou a “forza simbólica” deste logro e expresou o seu desexo de que marque o camiño para recuperar outros bens incautados pola ditadura, como o Pazo de Meirás, a Casa Cornide ou as pías bautismais románicas da Igrexa de San Xián de Moraime.

A alcaldesa lembrou que tiveron que pasar cincuenta anos desde a morte do ditador para facer efectiva esta restitución, “mostra da impunidade coa que sobreviviu o franquismo entre nós”. Agradeceu o traballo de todas as administracións, dos equipos técnicos do Auditorio de Galicia e do Museo do Pobo Galego, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e do Estado, así como dos colectivos en defensa da memoria histórica.

“Asociacións culturais, sociais e educativas levan décadas empeñadas en que a verdade se coñeza e que a historia se conte tal e como foi”, afirmou.

“Un día feliz para a democracia”

A tenenta de alcaldesa, María Rozas, subliñou que a restitución é “un día feliz para Santiago, pero sobre todo un día feliz para a democracia”. Lembrou que cincuenta anos despois da morte de Franco “a ditadura segue presente en rúas, monumentos e mesmo en institucións”, e que quedan moitas vitorias pendentes. “É paradóxico que a democracia teña que gañar nos tribunais o que a ditadura roubou”, engadiu.

Rozas agradeceu o labor de todas as persoas que fixeron posible esta recuperación, desde Martiño Noriega e o equipo municipal que iniciou a demanda, até historiadores, xuristas e os sucesivos gobernos que continuaron a defensa dunha causa “de xustiza”.

A demanda: de 2017 ao triunfo no Supremo

O Concello de Santiago presentou en 2017 unha demanda contra Carmen Franco Polo e, tras o seu falecemento, contra os seus sucesores, reclamando a titularidade das dúas esculturas do Pórtico da Gloria. A demanda foi inicialmente desestimada polo Xulgado de Primeira Instancia e pola Audiencia Provincial de Madrid, que consideraron que as pezas non estaban identificadas adecuadamente.

Porén, o Tribunal Supremo estimou en 2022 o recurso presentado polo Concello, abrindo así o camiño para a devolución efectiva das esculturas este 2025.

O Concello fixo extensivo o recoñecemento ao papel esencial da asociación O Sorriso de Daniel e de todos os colectivos, entidades e profesionais que traballaron durante anos para facer posíbel que o que foi espoliado regrese ao patrimonio público galego.

⚙ Configurar cookies
0.23247289657593