Dez científicos de centros de investigación galegos participarán na divulgación do eclipse

Participan Jorge Mira, Olalla López-Costas, Carlos Salgado, Begoña Nicolás e Mercedes Camiña pola USC; Minia Manteiga e Verónica Chobanova pola UDC; Ana Ulla e José Ramón Salgueiro pola UVigo, e Andrea Rodríguez polo CSIC
eclipse-solar
6 Jul 2026

A Xunta intensifica a divulgación da eclipse que terá lugar o próximo 12 de agosto con pílulas informativas protagonizadas por dez investigadores de prestixio e especialistas na materia desde distintas ramas de coñecemento. Trátase dunha decena de científicos das universidades galegas e de organismos de investigación que participan nesta campaña a través de pezas explicativas curtas para achegar o seu saber sobre este episodio único á sociedade e, ao mesmo tempo, reforzar a formación científica. Para a súa difusión, o Goberno galego aproveitará o alcance que ofrecen na actualidade as canles dixitais e as redes sociais.

Con esta acción, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional amplía a campaña de divulgación do que será o fenómeno astronómico dos próximos anos e no que Galicia terá un protagonismo destacado debido á súa situación xeográfica. Os científicos que participan nestes vídeos son expertos en áreas como a Física, a Bioarqueoloxía ambiental, a Astronomía, a Óptica e a Fisioloxía, entre outros.

Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo da Facultade de Física da Universidade de Santiago (USC) arranca esta serie audiovisual facendo unha exposición xeral sobre a importancia da eclipse, a planificación para poder observala e consellos para a protección visual. Continúa Olalla López-Costas, profesional Oportunius no CRETUS (Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais) da USC, centro que forma parte da Rede CIGUS da Xunta. Especialista no ámbito da Bioarqueoloxía ambiental, debulla o significado simbólico das eclipses na Antigüidade. Pola súa parte, Minia Manteiga, catedrática de Astronomía espacial na Universidade da Coruña (UDC), académica numeraria da Real Academia Galega de Ciencias e membro do Consello asesor en I+D+i da Xunta, explica nesta serie por que se producen as eclipses.

Continúa con esta acción divulgativa Carlos Salgado, director do IGFAE (Instituto Galego de Físicas de Altas Enerxías) da USC, un centro tamén da Rede CIGUS do Goberno autonómico, que vincula as condicións da eclipse co Big Bang. Andrea Rodríguez, investigadora posdoutoral da Xunta no Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), con sede en Santiago, centra a súa intervención na comprensión das eclipses en diferentes culturas. Pola súa parte, Begoña Nicolás, profesora axudante doutora de Astronomía e Astrofísica do Departamento de Matemática Aplicada da USC, describe as condicións para que teñan lugar este tipo de eclipses. Namentres, a conexión destes fenómenos coa Teoría da Relatividade de Albert Einstein é un dos piares do vídeo de Verónica Chobanova, investigadora posdoutoral Ramón y Cajal da Universidade da Coruña (UDC) e experta en Física de Partículas.

Terminan esta serie divulgativa Ana Ulla, catedrática de Astronomía e Astrofísica do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo (UVigo) e docente na Facultade de Bioloxía, que abordará a tríade de eclipses dos vindeiros anos; José Ramón Salgueiro, catedrático do Departamento de Física Aplicada da UVigo, que se centrará nas medidas de protección para ver a eclipse, desde un punto de vista da Óptica, e para finalizar, Mercedes Camiña, profesora do Departamento de Fisioloxía da Facultade de Veterinaria da USC, describirá como afectan as eclipses aos animais.

0.30696392059326