Dez propostas sonoras inspiradas na auga protagonizan a nova edición do ciclo Contemporáneas en Compostela

O Concello de Santiago presentou este venres a nova edición do ciclo Contemporáneas, unha iniciativa de Compostela Cultura que entre outubro de 2025 e maio de 2026 achegará ao público dez propostas musicais interdisciplinares inspiradas na auga como fío poético e compositivo.
A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, acompañada dos compositores Fernando Buide e Nacho Muñoz e da artista visual Sol Álvarez, destacou que o programa propón unha inmersión na creación contemporánea a través dun elemento simbólico “que fala de transformación, memoria, desexo e vida”.
O ciclo ofrecerá nove estreas, das que catro son absolutas e cinco se escoitarán por primeira vez en España, reafirmando o compromiso do Auditorio de Galicia coa difusión da música de vangarda e coa promoción de novas autorías.
Entre as propostas destacan nomes de referencia como Grupo Instrumental Siglo XX, Isabel Dobarro, Vertixe Sonora, Trío Zukan, PluralEnsemble, Música Práctica con Abraham Cupeiro, Nacho Muñoz e Sol Álvarez, Colectivo Galiza Emocional ou Pulso Ensemble.
A programación, que se desenvolverá nas salas Mozart e Ángel Brage do Auditorio de Galicia, inclúe concertos, estreas escénicas e paseos sonoros nos que a auga se converte en metáfora da fluidez e do cambio.
Destaca tamén a ampla presenza feminina, con preto dunha vintena de compositoras de diferentes xeracións e procedencias. O concerto da pianista Isabel Dobarro, candidata aos Premios Grammy Latino, estará integramente dedicado a creacións de mulleres, mentres que o PluralEnsemble, dirixido por Fabián Panisello, poñerá o foco na obra da compositora Mercedes Zavala.
Entre os momentos máis singulares da programación atópanse o proxecto Compostela In-Audita, de Nacho Muñoz e Sol Álvarez, que transforma os sons da cidade en materia musical, e o paseo Sarela. Caudal Sonoro, unha experiencia participativa xunto ao río Sarela.
As entradas son de balde, con retirada previa de convites a través da web de Compostela Cultura e na Zona C – Punto de Información Cultural, así como unha hora antes do inicio de cada concerto.
Con esta edición, Contemporáneas consolídase como unha das plataformas máis sólidas da música contemporánea en Galicia, un espazo de encontro entre a innovación, a natureza e a conciencia do presente.