Directivos de 50 centros de ensino galegos participaron na reunión informativa sobre o programa Ponte

Na xuntanza presentáronse as actividades do programa e déronse a coñecer as novidades da PAU
reunion-programa-a-ponte-santiago
28 Sep 2026

Persoal directivo e orientador de máis de cincuenta centros educativos galegos de ensino medio participaron este luns en Santiago na reunión que cada ano organiza o Programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC para presentarlles o seu programa de actividades para o curso actual así como as novidades da PAU de 2027. A xuntanza desenvolverase tamén en Lugo, na Facultade de ADE, este mércores 30, no que está prevista a asistencia de máis de dúas ducias de centros.

No acto, que presidiu a reitora Rosa Crujeiras, interviñeron tamén José María Alonso Meijide, delegado da reitora e representante da Universidade na CIUG, e Diana Fernández Méndez, delegada da reitora para asuntos de ensino medio e responsable do Programa A Ponte.

A reitora, que ten participado activamente dende hai anos no programa A Ponte, “un programa pioneiro e decano no ámbito universitario estatal”, mostrouse convencida da “importancia de que a Universidade saia das súas aulas, se achegue aos centros e estea presente nese momento no que o alumnado comeza a preguntarse que quere facer despois do ensino medio”. Confesou ademais que lle gustaría “pensar que a algunha rapaza ou a algún rapaz lles fixemos ver, nesas charlas nos centros, que na Universidade de Santiago de Compostela podían atopar o comezo da súa carreira, tanto profesional como vital”.

O programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC desenvólvese dende o curso 2003-2004, e ano tras ano incorpora actividades que contan con grande éxito de participación dado que se dedica a difundir a oferta de estudos da USC entre o estudantado preuniversitario ademais de orientar academicamente as súas preferencias.

Entre as actividades, destacan as xornadas de portas abertas ‘Coñece a USC’ para que cada futuro ou futura estudante se achegue aos centros universitarios de Lugo e Santiago a coñecer de primeira man os títulos nos que ten interese. Esta acción ten lugar tras as probas PAU e está dirixido ao estudantado de 2º de Bacharelato e de Ciclos Superiores de Formación Profesional.

Hai ademais charlas temáticas ao longo do curso no que o profesorado da USC ofrece contidos do seu ámbito docente ou investigador a estudantes de Bacharelato e Ciclos Formativos de grao Superior. A algunhas destas charlas tamén poden asistir estudantes de 4º de ESO. Este ano ofrécense un total de 185 charlas impartidas por 193 docentes de 45 departamentos diferentes, un número superior ao ano pasado no que asistiron 21.527 estudantes.

Por outra banda, A Ponte conta cun programa de visitas aos centros de ensino medio de Galicia para presentarlle a USC ao seu alumnado mediante charlas informativas que levará a cabo un equipo de persoas colaboradoras, ás veces acompañadas de ex alumnado do centro. A convocatoria para solicitalas xa está aberta. O pasado curso realizáronse 146 visitas, nas que participaron máis de 7.800 estudantes.

Co mesmo obxectivo, os Encontros do Ensino Medio na USC ofrecen ao alumnado de ensino medio unha oportunidade de contactar directamente coa Universidade, visitando no mes de febreiro os centros dos Campus de Lugo e Santiago para recibir información in situ dos estudos que organizan. O pasado curso achegáronse aos dous campus un total de 6.000 estudantes.

0.32949018478394