Down Galicia reivindica no 1º de Maio o éxito da inserción laboral con apoio e pide máis compromiso empresarial

Down Galicia destaca os mellores datos históricos no seu programa de Emprego con Apoio, con 254 contratos laborais en 2024, e demanda a implicación do tecido empresarial para avanzar na inclusión das persoas con discapacidade intelectual.
Down
2 May 2025

Coincidindo coa celebración do Día Internacional das Persoas Traballadoras, a Federación Down Galicia fixo públicos os resultados do seu programa de Emprego con Apoio, que acadou en 2024 os mellores datos desde a súa creación hai máis de vinte anos.

Segundo informou a entidade, un total de 216 persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais estiveron contratadas en empresas ordinarias ou administracións públicas, cun total de 254 contratos laborais formalizados. O número de persoas usuarias que tiveron acceso a un emprego superou o 80% das 268 persoas participantes, a cifra máis alta ata o momento.

As contratacións rexistráronse por toda Galicia: 76 en Vigo, 39 na Coruña, 25 en Ourense, 23 en Pontevedra, 22 en Santiago, 18 en Lugo e 13 na comarca de Ferrol. Os postos ocupados foron moi diversos, desde auxiliar de biblioteca, atención ao cliente ou masaxista, ata celador, telefonista ou persoal de limpeza.

Ademais, destacan as 23 formacións prácticas realizadas, e o incremento de contratos indefinidos, que xa supoñen máis do 76% das contratacións totais. No entanto, a entidade sinala como principal dificultade a curta duración das xornadas, moi lonxe da xornada completa.

Un chamamento ao tecido empresarial galego

Down Galicia aproveita esta data para facer un chamamento ao tecido empresarial galego e convidar ás empresas a coñecer a metodoloxía Emprego con Apoio, baseada en acompañamento individualizado e formación no posto de traballo. Esta fórmula demostrou ser eficaz, útil e garante unha inserción laboral real e duradeira.

A entidade lembra que en España só o 22% das persoas coa síndrome de Down teñen un traballo, e apenas o 10% no mercado ordinario, cifras que contrastan co éxito acadado en Galicia grazas á colaboración entre entidades sociais e empresas.

Máis de 20 anos impulsando a inclusión laboral

O programa Emprego con Apoio iniciouse en Galicia no ano 2002 co obxectivo de romper coas barreiras que atopan as persoas con discapacidade intelectual para acceder ao mercado laboral. A través de preparadores e preparadoras laborais, as persoas usuarias reciben formación no posto, apoio para mellorar as relacións sociais e ferramentas para garantir a súa estabilidade e autonomía.

Down Galicia reivindica que a inserción laboral é unha vía esencial para mellorar a calidade de vida, a autoestima e a participación social das persoas con discapacidade. Por iso, insiste en que a inclusión non é caridade, senón xustiza, e que o compromiso co emprego inclusivo debe ser compartido por toda a sociedade.

⚙ Configurar cookies
0.14278411865234