Dúas medallas mundiais poñen ao piragüismo betanceiro no podio internacional

O piragüismo betanceiro volveu escribir unha páxina destacada no escenario internacional grazas á actuación de Antón Lagares e Javier Cid, deportistas do Club Ría de Betanzos, no Campionato do Mundo Júnior de canoa celebrado en Halifax, Canadá.
Ambos os dous padexeiros acadaron a medalla de prata na proba de C4 500 metros, formando parte da embarcación española xunto a Alberto Ruiz e Alejandro Pérez. O barco estatal completou unha final moi axustada e quedou ás portas do ouro, confirmando o gran nivel da canoa júnior.
A actuación de Antón Lagares foi sobresaliente ao sumar tamén unha medalla de bronce mundial na modalidade de C1 200 metros. Con este novo podio, o deportista do Club Ría de Betanzos pechou unha participación brillante nunha cita internacional de máximo nivel.
Desde o Concello de Betanzos trasladaron a súa felicitación aos dous deportistas e destacaron o orgullo que supoñen estes resultados para o deporte local. O éxito de Lagares e Cid reforza o papel do Club Ría de Betanzos como unha das referencias da canoa galega e confirma o talento da nova xeración de padexeiros betanceiros.