Dúas sentenzas do TSXG obrigan á Xunta a modificar a orde de axudas escolares por discriminación ao alumnado con discapacidade

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de emitir dúas sentenzas nas que estima integramente os recursos presentados pola Federación Down Galicia contra a orde de axudas da Xunta para a adquisición de libros de texto e material escolar, ao considerar que establece unha discriminación inxustificada ao alumnado con discapacidade que opta pola educación inclusiva.
Na súa resolución máis recente, o TSXG reproba que a normativa conceda axudas prioritarias ao alumnado escolarizado en centros específicos de educación especial ou en unidades específicas de centros ordinarios, excluíndo ou aplicando condicións máis restritivas a quen está en réxime de inclusión educativa. O tribunal entende que esta diferenza de trato vulnera o artigo 14 da Constitución Española e o dereito fundamental á educación inclusiva.
A federación lamenta que, malia existir unha primeira sentenza firme desde outubro de 2024, a Consellería de Educación non modificase a orde vixente para o curso 2024/2025, e espera que neste caso si cumpra coa legalidade antes da publicación da orde para o curso 2025/2026.
Dereito á igualdade e á inclusión
A Federación Down Galicia leva desde 2014 reclamando que todo o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo sexa tratado en igualdade de condicións, con independencia do tipo de escolarización ou grao de discapacidade. A entidade critica que, a día de hoxe, só recibe a contía máxima quen ten unha discapacidade igual ou superior ao 65% ou está escolarizado en centros de educación especial, mentres que o resto debe acreditar ingresos e recibe cantidades inferiores.
O avogado Juan Rodríguez Zapatero, experto en dereito administrativo e defensor do recurso, destaca que a sentenza rexeita que o grao de discapacidade poida servir para xustificar diferenzas de trato no acceso a estas axudas, pois “non ten vinculación coas necesidades educativas reais do alumnado”.
Desde a federación reclaman que a Xunta rectifique e modifique xa a normativa, para garantir que “todos os alumnos e alumnas con discapacidade sexan tratados con equidade e que a educación inclusiva sexa unha realidade tamén nas axudas escolares”.