Ecoloxistas denuncian novas filtracións de "barros vermellos" da balsa de Alcoa

A asociación Ecoloxistas Galiza "Atlántica e Verde" presentou ante o Seprona unha nova denuncia polas filtracións que, segundo asegura, proceden da balsa de residuos de Alcoa en Xove. O escrito, datado o 6 de outubro de 2026, fai referencia a episodios detectados entre os días 4 e 6 de outubro e incorpora fotografías e vídeos para documentar os feitos.
Segundo expón a organización, o pasado 4 de outubro comunicou ao 112 e ao 062 a presenza de filtracións procedentes da zona norte da balsa, no denominado dique de cola. A entidade afirma que as augas presentaban unha cor vermella e formaban escorrentías que se infiltraban nos terreos e chegaban aos colectores de pluviais da Aldea de Arriba, na parroquia de Morás.
Ecoloxistas Galiza sostén que as filtracións discorrían polo pé do dique mediante cursos subsuperficiais e apunta a un posible punto de saída a través da propia infraestrutura. Na documentación achegada inclúe imaxes tomadas o día 4 nas que se observan as augas vermellas atravesando a estrada e formando regueiros.
A organización asegura que a situación continuaba o 6 de outubro. Nesa xornada, segundo recolle a denuncia, as filtracións seguían visibles na zona e tamén se observaron augas vermellas na estrada situada ao pé do dique principal, por riba da piscifactoría de Pescanova, na parroquia de Lago.
Esta nova denuncia prodúcese poucas semanas despois de que Ecoloxistas Galiza denunciase novas nubes de po procedentes da balsa de lodos vermellos de Alcoa por un episodio rexistrado o 21 de setembro. Nesa ocasión, a entidade tamén reclamou investigacións, inspeccións sobre as posibles afeccións ambientais e que estes episodios fosen tidos en conta no procedemento de ampliación da balsa.
A asociación lembra ademais que en marzo deste mesmo ano xa denunciara un episodio similar no dique principal. Segundo explica no escrito, daquela a situación durou un día e foi aparentemente atallada coa intervención de varias máquinas. Nesta ocasión, Ecoloxistas Galiza considera que as filtracións están tendo unha maior continuidade e advirte dos riscos que, ao seu xuízo, poden representar para a estabilidade da balsa.
Ante esta situación, a organización solicita que se active de inmediato o Plan de Emerxencias da balsa de Alcoa, que se informe á poboación e que se adopten medidas para deter as filtracións e evitar que continúen discorrendo libremente e contaminando solos e augas. Tamén reclama unha avaliación dos posibles danos ambientais ocasionados ata o momento.
Entre as peticións formuladas figura igualmente que estes novos episodios se incorporen á investigación doutros vertidos, que se determinen as posibles responsabilidades e que se adopten as medidas cautelares oportunas. A organización reclama tamén unha inspección sobre o alcance das posibles afeccións e riscos ambientais nos espazos naturais, granxas, cultivos, traballadores e poboación dos concellos situados arredor das instalacións de Alcoa.
A polémica ambiental arredor desta infraestrutura vén de meses atrás. En abril, Ecoloxistas Galiza cuestionou o proceso de ampliación da balsa de Alcoa en Xove e reclamou paralizar o proxecto ata aclarar os posibles riscos e responsabilidades.
Agora, na nova denuncia, a entidade pide que os episodios de contaminación sexan incorporados ao procedemento ambiental relacionado co proxecto de ampliación do depósito de barros vermellos ata a cota +110 e reclama unha resposta negativa ao proxecto. Tamén solicita ao Servizo de Enerxía e Minas o peche do vertedoiro polos episodios que considera sistemáticos.
Precisamente sobre esta ampliación, A Mariña Xa informou do prazo de alegacións para o recrecemento definitivo do depósito ata a cota de 110 metros, nun proceso que inclúe o proxecto construtivo, o plan de restauración e o estudo de impacto ambiental.
Ecoloxistas Galiza tamén reclama á Consellería de Medio Ambiente que inspeccione as posibles afeccións acumuladas nos espazos naturais, granxas e cultivos, así como sobre os traballadores e a poboación dos concellos próximos. No ámbito laboral, solicita á Inspección de Traballo que determine se o Plan de Riscos Laborais da empresa contempla suficientemente os riscos que a entidade atribúe aos residuos almacenados na balsa.
A asociación afirma finalmente que dispón de máis fotografías e vídeos de episodios de po, vexetación queimada e outros vertidos de lodos vermellos rexistrados en diferentes datas, material que asegura poñer á disposición das administracións competentes.