Ecoloxistas en Acción outorga seis bandeiras negras ao litoral galego e reclama apostar pola restauración ecolóxica

O informe Bandeiras Negras 2026 sinala casos de contaminación e mala xestión ambiental en Ribadeo, Pontevedra, Vigo, Baiona, Carballo e Malpica
praia-das-catedrais-ribadeo
30 Jun 2026

Ecoloxistas en Acción presentou o informe Bandeiras Negras 2026, un documento co que volve denunciar os principais problemas de contaminación e mala xestión ambiental presentes no litoral galego. A organización ecoloxista concedeu este ano seis bandeiras negras en Galicia, dúas por cada provincia con costa, dentro dun total de 48 distincións negativas repartidas por todo o Estado.

Nesta edición, o informe pon o foco non só nos impactos ambientais que afectan ao litoral, senón tamén nas posibles solucións para reverter a degradación dos ecosistemas costeiros. Baixo esta perspectiva, a entidade aposta pola restauración ecolóxica como ferramenta clave para recuperar espazos naturais danados e facer fronte á presión urbanística, á contaminación e á perda de biodiversidade.

Entre os problemas identificados destacan a contaminación mariña derivada de sistemas de depuración deficientes, os vertidos procedentes da actividade mineira, a ocupación do dominio público marítimo-terrestre, a urbanización de zonas de elevado valor ambiental e a insuficiente protección de espazos naturais especialmente sensibles.

Na provincia de Pontevedra, a bandeira negra por contaminación recae sobre o proxecto de ampliación do Porto Deportivo de Baiona. Ecoloxistas en Acción considera que a actuación, que contempla novos recheos sobre a ría de Vigo e o incremento da capacidade de amarres, supón unha ameaza para os hábitats mariños e para a contorna da praia de Santa Marta. A bandeira por mala xestión foi concedida ás actuacións urbanísticas desenvolvidas en Cabo Estai, en Vigo, onde a organización denuncia a construción de vivendas e infraestruturas nun espazo natural litoral de gran valor ambiental.

Na provincia da Coruña, a bandeira negra por contaminación corresponde á mina de Monte Neme, entre Carballo e Malpica, tras a rotura dunha das balsas de residuos mineiros rexistrada en xaneiro deste ano, que provocou a chegada de augas contaminadas a cursos fluviais e á costa da Costa da Morte. Pola súa banda, a bandeira por mala xestión recae sobre os vertidos procedentes da rede de saneamento na contorna de Ferrolterra, que continúan afectando ecosistemas costeiros protexidos e provocando a presenza de residuos sólidos no mar.

En Lugo, a Illa Pancha, en Ribadeo, recibe a bandeira negra por contaminación debido ao que a organización considera unha degradación ambiental provocada pola privatización dun espazo público integrado nunha área protexida. A segunda bandeira, por mala xestión, corresponde á praia das Catedrais, tamén en Ribadeo, onde denuncian a falta de aplicación efectiva do plan de conservación aprobado hai unha década e a persistencia de problemas derivados da presión turística.

O informe tamén fai referencia á situación da fábrica de ENCE na ría de Pontevedra. Aínda que este ano non figura entre os casos específicos sinalados, Ecoloxistas en Acción considera que segue sendo un dos principais conflitos ambientais do litoral galego. A organización destaca que a Comisión Europea avala a necesidade de adaptar a normativa de costas ás directrices comunitarias, o que podería limitar a permanencia da factoría en dominio público marítimo-terrestre.

Como principal novidade desta edición, o informe incorpora unha reflexión sobre a restauración ecolóxica dos ecosistemas costeiros. A organización lembra que o Regulamento Europeo de Restauración da Natureza, en vigor desde agosto de 2024, establece obxectivos vinculantes para recuperar hábitats degradados. Neste sentido, propón actuacións concretas en varios dos espazos afectados co obxectivo de mellorar a biodiversidade, aumentar a resiliencia fronte ao cambio climático e recuperar a calidade ambiental do litoral.

Ecoloxistas en Acción subliña que existen exemplos de recuperación exitosa en diferentes puntos do Estado e defende que, cando se eliminan as presións sobre o medio natural e existe vontade política, os ecosistemas son capaces de rexenerarse e recuperar parte dos seus valores ambientais.

0.33347988128662