Ecoloxistas Galiza reclama a intervención das administracións pola auga «non apta» para o consumo en Lalín

Ecoloxistas Galiza «Atlántica e Verde» presentou escritos urxentes ante Augas de Galicia, a Dirección Xeral de Saúde Pública, o Concello de Lalín e a concesionaria Aquadeza pola turbidez da auga da rede de abastecemento municipal, que o Concello declarou o pasado 13 de novembro «non apta para o consumo humano». A asociación reclama unha intervención inmediata, información pública e unha investigación para esclarecer a orixe do problema.
O aviso municipal, publicado na páxina oficial de Facebook do Concello, recomendaba evitar beber ou cociñar con auga da billa «por un principio de precaución» e anunciaba purgas na rede de abastecemento. Segundo recolle a prensa local, os veciños de Lalín alertaron de que a auga levaba varios días turbia e cunha cor marrón, sen recibir explicacións oficiais durante ese tempo. Pola súa banda, a concesionaria atribuíu a incidencia, segundo a información publicada, a un sistema de filtración da estación de tratamento que data de 1992.
Os escritos presentados por Ecoloxistas Galiza, baseados no Real decreto 3/2023 sobre os criterios técnico-sanitarios da calidade da auga de consumo, solicitan aclaracións sobre cando se detectou a turbidez e en que momento se informou ás autoridades sanitarias e á poboación. Tamén preguntan polos motivos polos que se declarou a auga «non apta» pero unicamente se recomendou non utilizala, así como pola posibilidade de consumila despois de fervela.
A entidade reclama igualmente información sobre as captacións afectadas, a orixe da turbidez e os posibles vertidos ou actividades existentes río arriba. Ademais, pregunta se hai un abastecemento alternativo e se se informou da situación aos centros sanitarios, residencias, colexios e persoas dependentes. Outra das cuestións expostas é se a incidencia figura no Sistema de Información Nacional de Auga de Consumo (SINAC) e desde cando.
A asociación tamén elaborou un modelo de escrito para que os seus socios e as persoas afectadas poidan presentar reclamacións polos gastos derivados da compra de auga embotellada, solicitar descontos na factura do abastecemento e reclamar os danos que poidan acreditar, tanto na súa saúde como nas súas vivendas.
Neste sentido, Ecoloxistas Galiza lembra que só se deben reclamar os prexuízos realmente sufridos e que se poidan documentar. Por iso, recomenda conservar fotografías datadas, tíckets de compra, partes médicos e informes técnicos antes de realizar reparacións en calquera aparello afectado.
Entre as peticións da entidade figuran tamén a publicación de información clara e accesible para toda a veciñanza, máis alá das redes sociais, e a garantía dun abastecemento alternativo, con especial atención aos colectivos máis vulnerables. Así mesmo, reclama a realización de análises independentes e a publicación dos resultados, ademais dunha revisión das autorizacións, dos controis e dos investimentos pendentes nas captacións e na estación de tratamento.
Por último, Ecoloxistas Galiza lembra que desde o pasado mes de agosto denunciou diferentes problemas ambientais, entre eles vertidos e eutrofización no río Pontiñas, en Lalín; vertidos ao río Anllóns, na Laracha, e contaminación fecal no río Tea, en Mondariz. A asociación sinala que as denuncias presentadas nos dous últimos casos aínda non recibiron resposta.