Educación debulla o novo programa de reforzo da lectura para implantalo xa este curso en 3º e 4º de Primaria

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP constituíu hoxe o grupo de traballo para desenvolver o programa Avanza Lectura, unhas das primeiras medidas impulsadas pola Xunta no Marco galego para o impulso educativo. O obxectivo da iniciativa é reforzar as competencias en comprensión lectora do alumnado de 3º e 4º de Primaria, unha vez analizados os resultados do último informe PISA ao respecto.
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, presidiron a primeira reunión deste grupo no que participan asesores do Programa de lectura, escritura e acceso á información, dos departamentos de Programas de innovación e de Formación do profesorado, da Inspección Educativa e do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI).
Avanza Lectura porase en marcha xa no presente curso 2026/27 naqueles centros que máis o precisen, co fin de reforzar esta competencia transversal e fundamental para que o alumnado poida adquirir con eficacia calquera coñecemento de calquera materia do currículo. Trátase dunha proposta de intervención e acompañamento orientado á mellora sistemática da competencia lectora que combinará reforzo da formación do profesorado, avaliación inicial para detectar as dificultades de comprensión, intervención adaptada a ditas necesidades, recursos didácticos e seguimento dos resultados, con especial atención aos centros que presenten maiores necesidades de mellora.
A folla de ruta da Xunta para fortalecer as competencias básicas do alumnado contempla tamén o programa Avanza Matemáticas para a etapa de Primaria –cuxo grupo de traballo tamén se constituíu esta semana– e vai acompañada de novas medidas de apoio, acompañamento e orientación aos docentes.