Educación fixa límites horarios pero deixa sen concretar a baixada de ratios, critica a CIG-Ensino

A CIG-Ensino lamenta a lentitude das negociacións abertas polo Ministerio de Educación, que só concretou o tope semanal do horario lectivo, e insta á Xunta a aplicar xa medidas como a redución de ratios e a desburocratización do traballo docente.
Horarios Educacion
24 Sep 2025

O Ministerio de Educación presentou este martes ao grupo de traballo con sindicatos, entre eles a CIG-Ensino, o primeiro borrador do Anteproxecto de Lei sobre condicións de traballo docentes. O documento recolle a fixación dun tope horario semanal e un plan xeral de redución de ratios, aínda sen calendario definido.

A CIG-Ensino celebrou que por fin se concrete un límite legal ao horario lectivo —23 horas en Infantil, Primaria e Educación Especial, e 18 horas no resto de ensinanzas— pero advertiu que a aplicación non se prevé ata setembro de 2026. A secretaria nacional, Laura Arroxo, subliñou que a Xunta podería recuperar xa as 21 horas máximas previas aos recortes de 2011 e implantar as 18 horas no resto de ensinanzas sen agardar ao Estado.

O sindicato tamén criticou que se inclúa unha excepcionalidade que permitiría chegar ás 21 horas en determinadas comunidades, o que podería neutralizar na práctica a recuperación das 18 horas.

En canto ás ratios, o Ministerio presentou un documento de traballo baseado en catro liñas de actuación, con especial atención ao alumnado con Necesidades Educativas Especiais (NEE) e a centros con maior vulnerabilidade socioeconómica. Con todo, a CIG-Ensino censurou que non se teña en conta ao alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE) e reclamou atender tamén a realidade da escola rural galega.

O plan ministerial prevé que as reducións de ratios comecen no curso 2026-27, algo insuficiente para o sindicato, que reclama a súa aplicación inmediata en Galicia. Tamén demandou avanzar na desburocratización do traballo docente e advertiu contra as estatísticas oficiais sobre ratios medias, que considera pouco rigorosas.

O Ministerio recibirá propostas sindicais a próxima semana e convocou unha nova reunión o 9 de outubro, situando o horizonte definitivo destas medidas na fin da lexislatura, en 2027.

⚙ Configurar cookies
0.23215889930725