Educación propón a centros que teñen polos creativos desenvolver proxectos sobre o Xacobeo 2027

O alumnado desenvolverá a través destas actividades competencias científico-tecnolóxicas, así como coñecementos sobre patrimonio, historia e cultura
alumnado-estudantes-universitarios
23 Oct 2026

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP propón aos centros educativos que contan con polos creativos participar en actividades formativas e desenvolver proxectos innovadores sobre o Xacobeo 2027. O departamento educativo convoca para o próximo curso a actividade Polos en Camiño, a través da que o alumnado poderá aprender sobre as distintas perspectivas do Ano Santo aproveitando o potencial didáctico e técnico dos espazos creativos dos centros.

Educación seleccionará un máximo de 100 centros, que recibirán formación e o material necesario para abordar os obxectivos da convocatoria. Os centros participantes colgarán os seus proxectos e actividades nas súas webs e un xurado elixirá alomenos 20. Os equipos dos centros seleccionados participarán nunha xornada divulgativa final e recibirán un diploma acreditativo da súa participación e un dron educativo que se incorporará ao equipamento do polo creativo en recoñecemento ao traballo desenvolvido.

Os centros que desexen participar na convocatoria poderán inscribir a distintos grupos e cada un terá un máximo de 35 estudantes e un único representante docente. O prazo de solicitude é ata o 15 de novembro de 2026 a través da aula virtual do programa.

A celebración do Xacobeo 2027 preséntase como un escenario idóneo para a aprendizaxe baseada en proxectos, na resolución de retos e no desenvolvemento competencial interdisciplinario. Segundo a convocatoria, o Camiño de Santiago, entendido como unha rede viva de comunicación, patrimonio e sustentabilidade, ofrece contextos para que o alumnado poida aprender sobre situacións reais e desenvolver competencias científico-tecnolóxicas, así como coñecemento humanístico, histórico e cultural.

Os centros que desexen participar na convocatoria deberán elixir unha das catro liñas de participación que se establece na mesma. Poderán escoller unha liña prioritaria e outra secundaria e para cada unha das liñas o centro nomeará un docente. A primeira titúlase Campos de estrelas e consiste en aprender a través da luz, traballando con mesas de luz como recurso didáctico nas diferentes áreas e niveis educativos. A segunda é Paisaxes sonoras. Escoitar o Camiño e trátase de traballar sobre a captación e procesamento de son, así como a súa utilización na creación de paisaxes sonoras en diferentes contextos.

A terceira liña leva por título Pelerinaxes e propón, a partir da obra de Otero Pedrayo e as ilustracións de Risco, achegarse a outros camiños posibles que vertebran a Galicia interior a través de eidos tan diversos como a etnografía ou a paisaxe. A cuarta liña é Camiños antes do Camiño, sobre a importancia histórica e a influencia na configuración territorial, cultural e social da Galicia actual dos camiños presentes na nosa xeografía.

A actividade “Polos en Camiño” para o próximo curso desenvolverase en tres fases: formación, transferencia ao centro e difusión. Na fase de formación, todos os centros seleccionados participarán nunha xornada formativa conxunta na que recibirán formación específica da liña prioritaria ou da secundaria. Na segunda fase, que será durante o primeiro e o segundo trimestre, o centro desenvolverá internamente as propostas, actividades ou proxectos vinculados ao programa. Na última fase, de difusión, cada centro participante deberá garantir a difusión das actividades e proxectos desenvolvidos no marco de Polos en Camiño a través da páxina web do centro, con data tope de abril de 2027. A xornada divulgativa terá lugar ao final do curso.

0.27373600006104