El BNG reclama al Gobierno del PP un plan para erradicar las contenciones mecánicas como práctica terapéutica

A deputada do BNG Iria Carreira urxiu este mércores ao Goberno do PP a poñer en marcha un Plan galego de Erradicación das contencións mecánicas como práctica terapéutica, unha medida desaconsellada polas organizacións que velan polos dereitos das pacientes, especialmente no ámbito da saúde mental, ao causar danos físicos e mentais a curto, medio e longo prazo.
Nunha pregunta na comisión parlamentaria de Sanidade, Carreira lembrou que o Movemento Galego de Saúde Mental elaborou un documento marco con propostas para avanzar cara ao obxectivo de “contención cero”, un traballo que —segundo indicou— o BNG volve poñer enriba da mesa ante a necesidade de que a Xunta actúe de maneira inmediata.
A parlamentaria sinalou que, aínda que non existe unha normativa específica que regule o uso das contencións mecánicas, si hai recomendacións claras para a súa erradicación por parte de organismos como o Comité de Ministros do Consello de Europa, o Comité Europeo para a Prevención da Tortura e a propia Lei de Protección Integral á Infancia e a Adolescencia de 2021.
Carreira defendeu que é posible acabar con esta práctica en Galicia, como xa se fixo en lugares como Pensilvania, Andalucía, Cataluña, Suíza ou Italia, onde se reduciu a contención practicamente a cero e mesmo se acreditaron centros libres destas medidas. Porén, advertiu de que para avanzar é imprescindible coñecer a realidade existente, algo que —denunciou— impide o Goberno de Alfonso Rueda ao negarse a facilitar os datos sobre as contencións practicadas tanto en centros dependentes da Xunta como en centros privados con financiamento público.
A deputada recriminou ao Executivo galego ter ignorado as recomendacións do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura do Defensor do Pobo tras a súa visita en 2021 ao hospital psiquiátrico de Conxo, así como as constatacións realizadas en 2024 no centro privado de La Robleda, onde se detectaron contencións indebidas mantidas durante semanas.
Así mesmo, criticou que desde o Sergas se afirme que “se está avanzando” neste ámbito cando, segundo indicou, as contencións seguen aplicándose non só nos centros psiquiátricos, senón tamén nos servizos de urxencias hospitalarias, nas plantas de hospitalización, nas residencias de maiores e nos centros de menores.
“Se queremos avanzar cara á contención cero, o mínimo imprescindible é cero”, afirmou Carreira, quen acusou á Xunta de non adoptar medidas para garantir os dereitos humanos máis básicos das persoas con problemas de saúde mental. “Ver a unha persoa atada a unha cama non é unha escena de ficción, é unha realidade diaria”, concluíu.