O persoal de centros de menores, discapacidade e infantil 0-3 reclama condicións laborais e salariais dignas

Máis dun cento de delegados e delegadas e representantes sindicais concentráronse diante da Xunta para esixir a apertura dun Marco Galego de Relacións Laborais, complementos autonómicos e máis recursos para dignificar estes sectores
Folga Menores
19 Dec 2025

Máis dun cento de delegados e delegadas dos centros de atención á discapacidade, centros de protección de menores e reforma xuvenil, así como de educación infantil na etapa 0-3, concentráronse diante da Xunta de Galicia para reclamar condicións laborais e salariais dignas. A protesta foi convocada conxuntamente por CIG-Ensino, CCOO, UGT, USO, CUT e SNEP, xunto con representantes sindicais.

Durante a mobilización, o persoal advertiu de que a súa paciencia coa Consellaría de Política Social, responsábel destes sectores, “ten un límite”. A concentración produciuse ante o silencio da Xunta á solicitude de reunión trasladada polas seis organizacións sindicais para abordar unha serie de propostas reivindicativas, unha falta de resposta que consideran “un desprezo absoluto” ás centrais sindicais e ás miles de persoas traballadoras destes ámbitos.

O responsábel de Ensino Privado da CIG, Henrique García, denunciou que a negativa da Xunta a abrir un diálogo real mantén a precariedade laboral nos tres sectores, “chegando en moitos casos á explotación laboral”. Acusou tamén ao Goberno galego de ser o responsábel de que o persoal estea na rúa polo seu “ninguneo” e pola negativa a recibir aos representantes sindicais, incluso impedindo a entrega en man dos escritos dirixidos á conselleira.

García advertiu de que esta concentración é só o primeiro aviso e que, se a Consellería non abre unha vía de diálogo real e non adopta medidas para dignificar os servizos sociais, o conflito non fará máis que medrar. Neste senso, anunciou mobilizacións máis contundentes nas primeiras semanas de xaneiro e non descartou a convocatoria de folga se a administración continúa sen resposta e as patronais non dan pasos decididos.

As organizacións sindicais demandan a apertura dun Marco Galego de Relacións Laborais que permita avanzar cara a convenios dignos e xustos, así como reforzar no inmediato a negociación no Consello Galego de Relacións Laborais para mellorar salarios mediante complementos autonómicos, reducir ratios e incrementar os recursos materiais e humanos.

Entre as principais demandas por sectores, o persoal dos centros de atención ás persoas con discapacidade esixe a aplicación inmediata dos incrementos salariais recollidos no XVI Convenio estatal, a creación dun complemento autonómico e unha maior dotación de recursos e baixada de ratios. Nos centros de menores e reforma xuvenil reclaman a aplicación das táboas salariais do V Convenio estatal desde xaneiro de 2026, a homologación salarial e melloras urxentes en recursos e instalacións. No ámbito da educación infantil 0-3 solicitan a integración das escolas infantís na Consellería de Educación, a unificación das táboas salariais, a creación dun complemento autonómico e un reforzo urxente de persoal e medios.

⚙ Configurar cookies
0.23736619949341