Elaboran unha guía para impulsar eventos deportivos e de ocio máis sostibles

O Consello da Xunta tomou razón da publicación dunha guía de boas prácticas para eventos deportivos e de ocio que ten como obxectivo apoiar a concellos, entidades organizadoras e promotores na incorporación de criterios de sostibilidade ambiental, economía circular e acción climática na planificación e desenvolvemento destas actividades.
A guía, que estará á disposición das entidades interesadas na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, está concibida como unha ferramenta práctica e operativa para reducir os efectos ambientais asociados a eventos deportivos en estadios ou pavillóns, ao aire libre ou en deportes de montaña e natureza, de motor, acuáticos e de praia—, culturais e de ocio –festivais, concertos, romarías, festas populares, verbenas, artes escénicas—, ou corporativos e institucionais –congresos, feiras profesionais, conferencias—, facilitando a aplicación das recomendacións ambientais.
En concreto, este documento proporciona orientación e exemplos prácticos que permitan avanzar cara a modelos organizativos máis sostibles sen incrementar de forma significativa a complexidade da xestión dos eventos.
Deste xeito, a guía inclúe unha serie de boas prácticas relacionadas coa eficiencia enerxética, o uso responsable da auga, a prevención e xestión de residuos, a mobilidade sostible e a redución da pegada de carbono. A maiores, avoga polo fomento da compra verde, da contratación responsable e do emprego de materiais reutilizables, reciclados e compostables, así como pola introdución de medidas que contribúan a reducir o desperdicio alimentario.
Así mesmo, a guía salienta tamén que estes eventos son un espazo privilexiado para a sensibilización e concienciación ambiental da cidadanía, favorecendo a difusión de hábitos sostibles coma o consumo responsable, a prevención na xeración e recollida selectiva de residuos ou a mobilidade sostible.
Con esta publicación, elaborada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, Galicia reforza o seu posicionamento como territorio comprometido coa sostibilidade dos eventos e coa incorporación dos principios de economía circular a sectores con gran capacidade de influencia social e económica.