Eladio Santos celebra que 52 concellos de Ourense terán 5G grazas ao apoio do Goberno

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacou que 75 proxectos repartidos por 52 concellos recibirán axudas do plan UNICO 5G, cun investimento de preto de 5 millóns de euros para mellorar a conectividade no rural.
5g Rural
16 Apr 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, celebrou hoxe en Petín que 75 proxectos repartidos por 52 concellos da provincia se beneficien das axudas do Ministerio para a Transformación Dixital e a Función Pública para a implantación da tecnoloxía 5G no rural. “Buscamos garantir a igualdade de oportunidades e a calidade de vida nas vilas pequenas”, afirmou.

Durante a súa visita ao concello de Petín, onde foi recibido pola alcaldesa Raquel Bautista, explicou que o programa UNICO 5G – Redes Activas achega conectividade ás zonas rurais mediante a dotación de equipamento e infraestrutura auxiliar necesaria para os servizos móbiles de tecnoloxía 5G.

O Goberno investirá 4,7 millóns de euros na provincia de Ourense para financiar estes proxectos. En Valdeorras recibiron axudas dez emprazamentos, entre eles tres na Veiga e outros repartidos entre os concellos de Carballeda, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, O Bolo e Vilamartín.

Estas subvencións están dirixidas integramente a concellos de menos de 10.000 habitantes, co obxectivo de dotar ao rural das infraestruturas esenciais para a vida cotiá. “Unha vez máis, reafirmamos o compromiso do Goberno de España coa loita contra o despoboamento do rural”, subliñou Santos.

Tamén destacou o papel do plan UNICO 5G Redes – Backhaul Fibra Óptica, que permite conectar os emprazamentos ás redes de comunicación electrónica mediante fibra óptica.

Estes programas buscan reducir a fenda dixital e contribuír a afrontar o reto demográfico. Desde 2020, o Goberno de España puxo en marcha catro convocatorias do programa UNICO - Banda Larga, cun investimento de máis de 24 millóns de euros na provincia de Ourense. Así, foi posible a instalación de fibra óptica en 5.492 vivendas da comarca de Valdeorras.

O programa UNICO 5G - Redes Activas é pioneiro en Europa e financia con fondos do Plan de Recuperación a instalación de equipamento e a construción de torres para ampliar a cobertura 5G en localidades que carecen de cobertura móbil 4G de polo menos 50 Mbps, e onde non está previsto que exista nos vindeiros tres anos.

⚙ Configurar cookies
0.097129821777344